O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a nova convocatoria do programa ‘O Teu Xacobeo’, dotada con 3 millóns de euros, co obxectivo de apoiar proxectos impulsados desde o territorio que contribúan á programación do Xacobeo 2027.
O programa, promovido pola Axencia de Turismo de Galicia, enmárcase na súa liña estratéxica de actuación e no Plan director dos Camiños de Santiago 2022-2027, e permitirá financiar actividades que poñan en valor o patrimonio cultural, natural e humano vinculado ao Camiño de Santiago.
A convocatoria estrutúrase en dúas liñas de axuda: unha dirixida a persoas autónomas e pemes, cunha dotación de 2 millóns de euros, e outra destinada a entidades sen ánimo de lucro, con 1 millón de euros. As subvencións poderán cubrir ata o 60 % do orzamento no caso de empresas e ata o 80 % para entidades sen ánimo de lucro, cun máximo de 25.000 euros por proxecto. Poderán presentarse iniciativas en ámbitos como o artístico, patrimonial, deportivo ou social, sempre que contribúan á dinamización dos Camiños de Santiago, á participación cidadá e á promoción dos valores xacobeos. Tamén se valorará especialmente a itinerancia das propostas, o uso da lingua galega e a difusión a través de canles dixitais.

