A Xunta solicitará a xestión do Pazo de Meirás

Elaborarase un novo plan de usos que inclúa a historia relativa ao ditador ademais da de Emilia Pardo Bazán

| Santiago. Redacción | Seccións:
Compartir:
A Xunta solicitará a xestión do Pazo de Meirás

En rolda de prensa posterior á reunión do Consello da Xunta de Galicia, o presidente, Alfonso Rueda, destacou hoxe que a administración autonómica trasladará ao Goberno central "a intención da Xunta de facerse cargo da xestión do Pazo de Meirás”. Así se recolle no informe avaliado polo Consello, no cal figuran os próximos pasos que vai dar a Xunta de Galicia en relación con este inmoble localizado no concello coruñés de Sada. 

De xeito paralelo a este proceso, Rueda informou que a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude elaborará unha nova proposta de plan de usos para as Torres de Meirás que renove a do ano 2020 e na cal se recolla a totalidade de toda a historia que atinxe ao Pazo de Meirás. Isto supón que se incluirá tanto o legado de Emilia Pardo Bazán, como a parte da memoria histórica relativa ao proceso polo que se converteu en propiedade do ditador Francisco Franco.

 

O titular do Goberno galego subliñou que a solicitude do traspaso da xestión, cuxo modelo xurídico está por definir, farase unha vez que o Estado, actual titular do inmoble e, polo tanto, responsable da súa conservación, “realice as obras necesarias para garantir a conservación” tanto no interior como no exterior das Torres de Meirás. Este é un plan de rehabilitación integral que resulta especialmente necesario naqueles lugares que precisan dunha intervención urxente e que están impedindo que as visitas públicas se poidan facer na súa totalidade. O presidente lembrou que desde o punto de vista xurídico, a Xunta sempre apostou por adherirse ás accións xudiciais lideradas polo Goberno central desde que se iniciou o proceso de recuperación do Pazo de Meirás. Así será tamén en relación co pagamento da indemnización á familia Franco no caso de que a Avogacía do Estado decida continuar con este proceso tras do rexeite do Tribunal Supremo ás alegacións neste sentido. 

Que che parece esta nova?
92 lecturas 0 reaccións

Cando valoras a nova, culturagalega.gal aprende para ofrecerche a ti e outros usuarios con gustos afíns máis contidos de interese.

Axuda a difundir a cultura galega

Do mesmo ámbito

Universos

Explorar o Universo desta nova

Descobre máis noticias relacionadas con Pazo de Meirás, Xunta de Galicia, Emilia Pardo Bazán, Goberno Central...