Luma Gómez Foto: AAAG
A Xunta Directiva da Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG) acordou conceder o Premio de Honra Marisa Soto dos Premios María Casares 2026 á actriz ferrolá Luma Gómez, en recoñecemento a unha traxectoria exemplar e ao seu compromiso sostido co desenvolvemento do teatro galego. O Premio de Honra Marisa Soto, creado en 1997 pola AAAG, distingue traxectorias consolidadas e de especial relevancia para o desenvolvemento das artes escénicas en Galicia. Trátase dun recoñecemento á contribución sostida de figuras clave do noso teatro, como é o caso de Luma Gómez. A entrega do galardón terá lugar o 8 de abril no Teatro Rosalía Castro durante a gala de celebración dos XXX Premios de Teatro María Casares.
Como lembran desde a asociación, ao longo de máis de catro décadas de carreira, Luma Gómez destacou non só pola súa calidade interpretativa, senón tamén polo seu firme compromiso co tecido profesional e asociativo, contribuíndo de maneira decisiva á construción e dignificación do teatro galego. Coa concesión deste premio, a AAAG recoñece en Luma Gómez unha figura esencial das artes escénicas de Galicia, cun labor que resulta imprescindible para comprender a evolución e consolidación do noso sistema teatral. Tal e como sinalou Eva Fórneas, presidenta da AAAG, "Luma é un referente en moitos aspectos". "Fundou e cofundou tanto esta asociación como compañías teatrais. Sempre estivo concienciada coa profesión, cos dereitos e coas loitas sindicais. Comprometida co feminismo, coas compañeiras e compañeiros, nunca deixou de se dedicar ao teatro", apunta Fórneas, quen engade que este Premio de Honra chega con Luma Gómez en activo. "Queremos que poida gozar e desfrutar deste recoñecemento cada día, tanto desde o escenario como detrás dos papeis. Luma destaca pola súa luz, obra propia e actos, é digno de xustiza recoñecer a súa predisposición e compromiso", asevera a presidenta.
Nada en Ferrol en 1951, Luma Gómez iniciouse moi nova no teatro da man da compañía amadora Teatro Estudio, participando en 1969 na montaxe Los suplicantes. Pouco despois trasladouse a Madrid, onde cofundou a compañía Teatro Zoo (1971-1977), e integrouse no movemento do teatro independente, participando tamén en iniciativas clave como a creación da ATIP ou a comisión que impulsou a Seguridade Social do Réxime de Artistas. En 1977 regresou a Galicia e participou nos primeiros pasos do teatro galego contemporáneo e, en 1979, fundou xunto a Eduardo Alonso a compañía Teatro Andrómena. Xa nos anos oitenta, implicouse activamente na consolidación das estruturas culturais do país: formou parte do espectáculo fundacional do Centro Dramático Galego, Woyzeck (1984), e foi uhha das socias fundadoras da AAAG (1985). En 1987, Gómez fundou con Eduardo Alonso Teatro do Noroeste, unha das compañías de referencia do panorama galego, coa que levou á escena máis de corenta montaxes. Entre os seus primeiros traballos destacan Medea (1987), Galicia S.L. (1988) e Rei Lear (1989), configurando unha traxectoria artística sólida, diversa e comprometida.




