O equipo técnico e artistico de 'Hamlet' acudiu hoxe á presentación ante os medios
Este xoves 19, Día do Pai, estrearase no Salón Teatro de Santiago de Compostela, Hamlet, a nova produción propia do Centro Dramático Galego. A revisión do clásico de William Shakespeare abórdase por vez primeira desde a compañía pública baixo a dirección e dramaturxia de Tito Asorey e cun elenco de 16 intérpretes que inclúe personaxes femininas que non aparecen na obra orixinal. Ata 34 funcións ofreceranse no Salón Teatro ata o 3 de maio, Día da Nai, como remarcou na presentación o director do CDG, Fran Núñez, que non dubidou á hora de definir esta montaxe de Hamlet como un "espectáculo total" tanto no sentido artístico como técnico.
Acompañado hoxe na presentación ante os medios da estrea polo director da Axencia Galega de Industrias Culturais, Jacobo Sutil, o director, Tito Asorey e os actores Cristina Andrade (Ofelia) e Alejandro Jato (Hamlet), o responsable do CDG quixo sinalar tamén o elevado número de entradas que xa están colocadas para estas funcións, xa por venda ou por reserva, que sendo máis de 4.000 supoñen o 50% das dispoñibles ata maio, existindo xa funcións con todas as entradas vendidas (agás as de mobilidade reducida que deben ser retiradas persoalmente no despacho de billetes). Esta circunstancia de éxito de público, que ven precedida pola gran demanda que tamén tivo a anterior produción propia Memorias dun neno labrego, o que xa sitúa esta temporada entre as máis concorridas nos últimos anos. Núñez indica que un dos factores deste éxito reside no propio público e na súa cada vez maior proactividade, recomendando ou compartindo en redes información ou opinións.
O director da montaxe, tamén responsable da dramaturxia xunto con Vanesa Sotelo, incidiu na característica de reto ao abordar este proxecto que supón "o desexo de calquera director ao longo da súa vida". Asorey explicou as dificultades ao traer a historia de Hamlet do século XVII a este século XXI "tan difícil e agresivo nas formas", ao mesmo tempo que reivindicaba a importancia da súa achega no que ten que ver co significado de ser humano neste momento. Asorey asegura ter intentado elaborar unha representación dinámica e mesmo divertida para o público actual e coa acción primando na posta en escena. O director afirmou que nesta recuperación do clásico quixo poñer o acento en temas presentes no texto como o peso da herdanza, a saúde mental, a violencia e a comprensión da morte.
A produción conta cun elenco de 16 actores e actrices, escollido mediante un proceso público de audicións, que conforman Sergio Abelaira, Cristina Andrade, Belén Constenla, Raquel Espada, Isabel Garrido, César Goldi, Alejandro Jato, Marita Martínez, Iolanda Muíños, Anxo Outumuro, Pedro Placer, Adrián Ríos, Machi Salgado, Toni Salgado, Inés Salvado Gontad e Sergio Zearreta.
Trinta e cinco concellos con buses ao Salón teatro
Entre as accións previstas figura tamén unha nova edición do programa de mobilidade Sobes ao autobús do teatro?, que contará con 14 autocares coordinados para facilitar a asistencia de público procedente de 35 municipios, ademais da Escola Superior de Arte Dramática (ESAD) de Galicia e do CIFP Audiovisual de Vigo, cunha previsión de 770 asistentes. A esta iniciativa únese unha segunda modalidade de transporte ao Salón Teatro mediante autobuses propios dos concellos participantes, fórmula que este ano incorpora novas localidades e permitirá sumar aproximadamente outras 270 persoas. No conxunto do programa, 75 concellos chegaron a inscribirse nesta convocatoria, o que confirma a consolidación desta liña de traballo e o interese crecente por facilitar o acceso ao teatro público galego desde diferentes puntos do territorio.
Complementando os pases de Hamlet, o Centro Dramático Galego impulsa unha serie de actividades paralelas que amplían o diálogo arredor do espectáculo. Así, o programa ImproVersións ofrecerá cinco citas baixo o título A propósito de William, a cargo da compañía Improversados, os domingos 29 de marzo, 5, 12, 19 e 26 de abril. Ademais, os días 25 de marzo e 1 e 8 de abril, o Salón Teatro acollerá sesións dobres sobre a obra de Shakespeare, xa que os pases de Hamlet combinaranse cos de Mala vida e pior morte de Ricardo III, monólogo de Evaristo Calvo coproducido con P.T. Excéntricas. Ambas as propostas parten do universo do bardo inglés para ofrecer, desde linguaxes escénicas diferentes, novas aproximacións á súa literatura dramática e favorecer o achegamento da cidadanía ao feito teatral.
Seguindo co compromiso do Centro Dramático Galego respecto ao obxectivo de eliminar todo tipo de barreiras para gozar do teatro, todas as funcións de Hamlet contarán con interpretación en linguaxe de signos (LSE), audiodescrición, programa de lectura fácil e acceso para persoas con mobilidade reducida. Ademais, os mércores volven as funcións descontraídas, orientadas a favorecer a asistencia de persoas con diversidade cognitiva e sensorial ou con outras necesidades específicas de apoio mediante a adaptación das condicións habituais da representación e da experiencia en sala, promovendo así un contexto máis amable, flexible e accesible.
As entradas para Hamlet poden adquirirse a través da plataforma en liña Ataquilla e no despacho de billetes do Salón Teatro, aberto nos días de función desde as 16,00 h. O prezo das localidades é de 10 euros, sobre o que se aplican os descontos habituais do 40% os domingos (Día do Público) e os dirixidos a diferentes colectivos.




