Alfonso Pexegueiro protagoniza unhas xornadas literarias en Ponteareas

A UNED conmemora os 50 anos do poemario Seraogna os días 20 e 21 de marzo

| Santiago. Redacción | Seccións: literatura
Compartir:
Alfonso Pexegueiro protagoniza unhas xornadas literarias en Ponteareas

Seis conferencias e unha proxección compoñen o programa de A voz e a palabra, as xornadas que a Universidade Nacional de Educación a Distancia (UNED) celebra en homenaxe ao poeta Alfonso Pexegueiro. A conmemorar o 50 aniverasrio de Seraogna, obra coa que o autor marcou a poesía do país no final do século XX, o encontro reúne en Ponteareas diferentes especialistas no seu traballo entre o 20 e o 21 de marzo.

A coincidir coa celebración do Día da Poesía, as xornadas inclúen tamén unha exposición de portadas de obras do autor. Fátima Ferreiro abrirá as palestras con Memoria e orixes na obra de Alfonso Pexegueiro: o trazo que recorda, o verso que regresa. Isaac Lourido continuará o programa con Fóra do normal: a escrita de Alfonso Pexegueiro na cultura galega e Roberto Abuín fechará a xornada a falar de Iqbal, as garzas azuis e o soño por vir.

 

A sesión de sábado arrincará con David Souto e a conferencia Dende as marxes: Alfonso Pexegueiro e o verdadeiro sentido do underground na cultura galega e española do Réxime do 78, a quen seguirá Armando Requeixo a abordar Alfonso Pexegueiro na literatura do noso tempo e Paula Domínguez con Da transcendencia do autor a unha filosofía do universal.

 

As xornadas finalizarán coa proxección do espectáculo poético-musical A illa das mulleres loucas, gravado en Santiago de Compostela en 2011 con narración do propioPexegueiro e presenza das actrices Vanesa Sotelo e María Caparrini, a zanfona de Anxo Pintos e a arpa Quico Comesaña.

Que che parece esta nova?
115 lecturas 0 reaccións

Cando valoras a nova, culturagalega.gal aprende para ofrecerche a ti e outros usuarios con gustos afíns máis contidos de interese.

Axuda a difundir a cultura galega

Do mesmo ámbito

Universos

Explorar o Universo desta nova

Descobre máis noticias relacionadas con Alfonso Pexegueiro, Ponteareas, UNED, Educación...