Trece concellos contarán con Feiras do Libro en 2026

Co lema 'A porta a universos infinitos' ofrece desta volta 80 días de actividade cultural

| Santiago. Redacción | Seccións: Literatura
Compartir:

A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude e a Federación de Librarías de Galicia veñen de presentar a folla de ruta para a campaña das Feiras do Libro de 2026. Baixo o lema ‘A porta a universos infinitos’, esta nova edición propón un itinerario que sumará máis de 80 días de actividade cultural por toda a xeografía galega, concibindo a lectura non só como unha ferramenta de evasión, senón tamén como un motor para o pensamento crítico e o coñecemento. O director xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, salientou durante o acto celebrado na Cidade da Cultura o bo momento que atravesa o sector, apoiado polos datos do último barómetro de hábitos de lectura que sitúan a Galicia como unha das comunidades onde máis medrou o interese polos libros no último lustro.

O calendario oficial arrancará o vindeiro 23 de abril en Ferrol, coincidindo co Día Internacional do Libro, para estenderse despois durante o mes de maio polas cidades de Santiago de Compostela e Lugo, xunto á cita no Porriño. O mes de xuño contará con paradas en Redondela e Ourense, mentres que en xullo a actividade trasladarase a Vigo, Ponteareas e Rianxo. A campaña enfilará a súa recta final no mes de agosto coas citas tradicionais na Coruña, Viveiro e Foz, para pechar definitivamente a programación en Monforte de Lemos a finais de mes.

Nesta ocasión, as feiras buscan transcender o formato de venda tradicional para converterse en espazos de interacción e creatividade. A programación incluirá roteiros literarios, recitais e intervencións artísticas que pretenden fomentar o debate directo entre creadores e público. Ademais, a edición de 2026 pon un acento especial na accesibilidade, aliñándose coa Lei de cultura inclusiva para garantir que as actividades e a información cheguen a públicos diversos a través de formatos máis áxiles e sinxelos.

Que che parece esta nova?
98 lecturas 0 reaccións

Cando valoras a nova, culturagalega.gal aprende para ofrecerche a ti e outros usuarios con gustos afíns máis contidos de interese.

Do mesmo ámbito