Os XXV Premios Opinión da Música de Raíz recoñecen o Día das Letras

Uxía recollerá o galardón Andaina Senlleira na gala que se celebrará o vindeiro 6 de maio

| Santiago. Redacción | Seccións: música
Compartir:
Uxía. Fotografía de Alberto Varela en Wikimedia Commons

Uxía. Fotografía de Alberto Varela en Wikimedia Commons

A dedicatoria do Día das Letras Galegas á poesía popular de tradición oral personificada nas cantareiras marcou o panorama sonoro en 2025. Así o considera a organización dos XXV Premios Opinión da Música de Raíz, que recoñeceu esta celebración coordinada pola Real Academia Galega co premio ao Acontecemento Musical do Ano. Canda a esta entidade, Uxía recollerá o premio Andaina Senlleira, que recoñece "a fonda pegada musical" da artista no noso país.

Segundo o xornal que organiza estes galardóns, "a decisión da Real Academia Galega de conceder ese recoñecemento tan significativo na cultura do país ás vellas cantareiras, personificada nas pandeireteiras de Mens, Eva Castiñeira e Adolfina e Rosa Casás, puxo en valor o que representa a poesía popular oral e deu un novo motivo de orgullo aos amantes da nosa tradición. Esa decisión dos membros da academia supuxo que ao longo do país se sucedesen unha manchea de actividades e concertos durante todo o ano para honrar e festexar con ledicia o poder creativo e a transmisión emocional da nosa música popular".

 

Pola súa banda, de Uxía destaca a súa longa carreira de máis de 40 anos de actividades desde os seus comezos como vocalista da banda Na Lúa. A cantora xa obtivo en dúas ocasións o galardón a artista do ano nestes premios entre outros recoñecementos. Segundo lembra o xornal, "os traballos rodeada de compañeiros sempre foron algo que lle gorentou e deu mostras diso no seu fecundo percorrido profesional", Canda a isto, destaca o feito de ser "unha amante de Portugal e ten moitas ligazóns co país veciño e con toda a lusofonía, como reflicte ben o seu labor no festival Cantos na Maré (agora denominado Maré). Na súa bagaxe demostrou posuír bo gusto musical e iso axudouna a desenvolver unha traxectoria con alicerces sólidos e cunha mente aberta para incorporar novas ideas a súa proposta".

 

A entrega dos XXV Premios Opinión desenvolverase o vindeiro 6 de maio no Teatro Rosalía de Castro da Coruña nunha gala que abrirán Caamaño&Ameixeiras e fechará Rosa Cedrón.

Que che parece esta nova?
78 lecturas 0 reaccións

Cando valoras a nova, culturagalega.gal aprende para ofrecerche a ti e outros usuarios con gustos afíns máis contidos de interese.

Axuda a difundir a cultura galega

Do mesmo ámbito

Universos

Claves