Raquel C. Pico na entrega do galardón. Fonte: Concello de Santiago
O Concello de Santiago e a Universidade de Santiago (USC) daban a coñecer este 8 de marzo o fallo da edición de 2026 do premio de Ensaio, Investigación e Creación Audiovisual Xohana Torres. Raquel C. Pico foi escolleita polo xurado como vencedora desta xeira, pola súa obra Na procura da primeira estrela galega. Maruja del Mazo e as mulleres do cine da Galicia dos anos 20.
O traballo gañador reivindica a historia de Maruja del Mazo, considerada primeira estrela dunha película de cine feita en Galicia, un filme "que amosaba á rapaza moderna nun momento no que a liberación estaba ligada á diversión", segundo sinala o Concello de Santiago na comunicación do fallo. A autora recibirá 2.500 euros en metálico e poderá ver o seu ensaio publicado por Edicións USC.
O xurado, que escolleu o traballo da gañadora entre os tres finalistas ao certame, estivo presidido por Goretti Sanmartín con Sonia Rodríguez Boente, Marta Rodríguez Castro, Yolanda Martínez Suárez, Ana Cabana Iglesia, Patricia Alonso Ruido, Educardo Rey Tristán e Beatriz Busto Miramontes como vogais e Clara Fernández Nogueira como secretaria. Canda ao ensaio de C. Pico, foron finalistas no certame as obras Porfía, os traballos das mulleres galegas no último século e Historias de vidas. Mulleres de Compostela. A organización abriu xa a convocatoria da vindeira edición do galardón, que está aberta ata o vindeiro 30 de decembro.
