Capa do disco
“Jrasias por confiar”. Así arranca o cuarto LP de The Rapants, titulado Rapants Club, un álbum no que os muradáns queren agradecer ao seu público a súa compañía nestes anos. O grupo dá un paso adiante, saca músculo e afirma que este Rapants Club -xa dispoñible nas plataformas dixitais- supón o álbum máis fiel ao carácter e gustos do cuarteto.
Desta volta contan con tres colaboracións. Alén da incursión, por vez primeira no galego, de Joe Crepúsculo -no tema Non Sei Como, o primeiro sinxelo do disco-, Antía Ameixeiras (Caamaño&Ameixeiras) e Sara Faro (Fillas de Cassandra) suman as súas voces a Por que son asi. Para este cuarto LP, The Rapants contou coa experiencia na produción dunha tríade de profesionais que axudaron a acadar o álbum máis "rapante" dos publicados até o momento. Anxo Ferreira (ex Novedades Carminha), Raúl Pérez (La Mina) e Miguel León (Boavista) deron pé á modernización do son da banda, animándoa a xogar e explorar no seu proceso creativo.
Nesta ducia de temas achamos variedade estilística, guitarras frenéticas, sintetizadores e os retrousos pegadizos que son emblema dos muradáns. Este elementos definen desde a primeira escoita un traballo que, consolida o papel e a identidade dunha formación que é moito máis que unha banda de guitarras no panorama actual galego. Influencias dos 70 aos 2000, do disco ao rock pasando polo indie, escóitanse en Jrasias Por Confiar, Tranquila, Todo Era Veneno, Máis Bicos Que Rosas, Suave, Por que son así, Ancoradoiro, Sin Medo, 22, Vai Ser Ijual (con versos épicos como “quero jastarme máis contijo que na AP9” ou “que a morte nos pille nun pogo a punto de romper”) ou a xas coñecidas Viaxei e Non Sei Como. Todas forman parte dun conxunto de doce cancións bonitas e atemporais nas que a lírica rapante das súas letras segue a destacar por afiada, certeira e próxima ao seu público. A grande inauguración do Rapants Club terá lugar o sábado 28 de marzo no Multiusos Fontes do Sar de Santiago de Compostela. Será unha gran festa para a música galega, logo de que os rapantes ampliaran a capacidade de asistencia: xa van máis de 5.200 entradas despachadas para a ocasión, na que se poderán escoitar por vez primeira ao vivo todos os temas do novo disco e, por suposto, celebrar algún dos grandes éxitos da traxectoria da banda.




