The Rapants poñen en marcha 'La máquina del buen rollo'

A banda de Muros presenta as súas esencias e a evolución do seu son co seu terceiro LP

A banda de Muros presenta as súas esencias e a evolución do seu son co seu terceiro LP
The Rapants © Andrea Sánchez
Capa do disco
Capa do disco
Os muradáns The Rapants son hoxe en día unha das bandas máis presentes da escena galega do pop, desde que en 2021 gañaron o concurso de bandas emerxentes Sonidos Mans Salas a formación non fixo máis que aumentar a súa presenza e alcance en salas e festivais. Agora presentan o seu terceiro traballo longo, 'La máquina del buen rollo', apenas un ano máis tarde que o anterior 'O Corasón como un after'(2023). Con este novo disco a formación quere amosar unha evolución do seu son e un retrato sonoro o máis fiel posible ao espírito da banda. Nove temas cheos de enerxia para desfogar bailando, ateigado, segundo eles, de chiscadelas á vida muradá e con moitas referencias case universais dentro do mundo do pop. Rock, rap ou country son algúns dos estilos polos que transita este 'La máquina del buen rollo', un traballo que os rapantes gravaron o pasado outono nos estudios de Paco Loco, quen axudou á banda a ultimar os detalles dun disco no que cada tema "ten entidade propia". Cada corte ten características propias, mais todos son parte dun mecanismo que fai que o álbum procure reproducir os directos de The Rapants. The Rapants contrapón letras tristes e escuras (nas que contaron coa colaboración de Sara Faro, de Fillas de Cassandra, para Rue Franklin, e Nuno Pico, de Grande Amore, en Cando Pensa en Min) con ritmos e melodías animadas, feitas para bailar.

"Este disco é como as festas de San Pedro de Muros e cada tema é unha atracción", sinala a banda, que exemplifica no saltón a natureza deste LP: a atracción que, alén de ser a portada do traballo, é o epicentro dos festexos, un aparello que, co seu ímpeto, transforma e dinamiza, durante unhas horas, a vida cotiá. "Este é o disco que sempre quixemos facer", aseveran Matías, Samu, Xanma e Xaquín, ao definir 'La máquina del buen rollo' coma "unha aprendizaxe colectiva", da que salientan a evolución do seu son. O primeiro adianto do álbum foi o tema 'Blaster W4U' do que presentaron o videoclip dirixido por Juan Barbazán e producido por La Bellavista, gravado en Muros coa cooperación de centos de voluntarios. O segundo avance en videoclip 'Rue Flanklin' é un tema con claras reminiscencias aos Two Door Cinema Club. 'La máquina del buen rollo', está desde hoxe dispoñible nas principais plataformas dixitais. Fisicamente poderase adquirir nas festas de presentación do grupo (23 e 24 de marzo na Sala Capitol), cuxas entradas se esgotaron en cuestión de minutos. Alén das citas compostelás, a banda suma novas prazas nesta xira: Carnota (Víndemo Ver) e Madrid (Último Acorde x Johnnie Walker, evento que terá lugar en La Sala do WiZink Center) e, a partir de maio, participará en festivais como Ourensound, Portamérica, Surfing The Lérez, SonRias Baixas ou Osa do Mar, entre outros.



Ligazóns