The Rapants e Carlos Ares vencen nos Premios MIN

Os muradáns acadaron o premio a Mellor Álbum en galego

Os muradáns acadaron o premio a Mellor Álbum en galego
A 17ª edición dos Premios Min da Música Independente estatal chegou onte ao seu fin coa gala na que se deron a coñecer os gañadores das diferentes categorías. Da nutrida representació0n da música de Galicia que aínda se mantiña nas candidaturas foron dúas as propostas que volven dos MIN este ano co seu galardón. Na categoría de Mellor Álbum en Lingua Galega o premio foi para a formación muradá The Rapants, grazas ao seu traballo 'La máquina del buen rollo' (OFF Stage, 2024), o seu terceiro disco, presentado en marzo do pasado ano. O vitalista traballo da banda conseguiu convencer ao xurado profesional por riba de outros magníficos discos finalistas como o de A Pedreira, Baiuca, Ortiga ou Xosé Lois Romero. O outro vencedor galego da noite foi o coruñés Carlos Ares. Co seu disco 'Peregrino' (BMG) o artista acadou un valioso recoñecemento como Mellor Álbum de Pop estatal do 2024. O que é o primeiro disco como artista deste produtor de 26 anos, tivo excelentes críticas desde a súa saída e convenceu ao xurado desta 17ª edición dos premios da industria musical independente.