Dezasete artistas expoñen na mostra 'Cando falo de corpo' en Pontevedra

A exposición pode verse na Sala Manuel Moldes de Pontevedra ata o 24 de abril

| Santiago. Redacción | Seccións: ArteExposicións
Compartir:
A egresada Cora Novoa é a comisaria da exposición 'Cando falo de corpo'   Foto: DUVI

A egresada Cora Novoa é a comisaria da exposición 'Cando falo de corpo' Foto: DUVI

A noción de corporalidade e a idea de diáspora son os dous fíos condutores da exposición que deste este xoves reúne na Sala Universitaria Profesor Manuel Moldes de Pontevedra as creacións de 17 artistas, a meirande parte formados na Facultade de Belas Artes. Coa tamén egresada Cora Novoa como comisaria, a mostra 'Cando falo de corpo' conecta, sinala, un conxunto de "prácticas diversas que chegan a través de imaxes, obxectos, textos, rexistros, pantallas, xestos e procesos" e que comparten "unha atención común ao corpo como lugar de experiencia, arquivo vivo e medio de relación" explica Novoa en declaracións ao DuVi. A exposición poderá visitarse ata o 24 de abril.

'Cando falo de corpo' reúne as creacións de Lois Cid, Taro, Raquel Álvarez, Noa Castro, Lara Castro, Ana Gesto, Marina González Guerreiro, Andrea Davila, Uxía González, Alba Matilla, Álvaro Chior, Carlos Fer, Raquel Álvarez, Eva Antelo, Ángel Arias, Adrián G. Salgueiro e Mourae. Novoa, pola súa banda, abordou o labor curatorial como "unha extensión do traballo artístico", de tal xeito que a exposición congrega 18 achegas á idea da corporalidade. "Cada obra é como unha parte dun corpo. Nalgunhas é só un xesto, noutras un obxecto, unha imaxe, un discurso...", sinala a comisaria dunha mostra na que a idea de corpo "atravesa todas as pezas".  Trátase nese senso dunha temática que nalgúns casos reflíctese na obra final, mentres que noutras “o corpo non se fai explícito”, pero é parte do proceso artístico. Así, na mostra poden verse desde pezas en vídeo resultado de performances ou traballos fotográficos, ata instalacións, pezas sonoras, debuxo ou obras como a de Uxía González, que empregou a taxidermia para incluír na súa pezas os corpos dunhas xoaniñas que atopou mortas. Esta exposición forma parte dun proxecto expositivo e de investigación de Novoa e viuse precedida pola mostra A que me refiro cando falo de corpo, que esta artista visual, performer e investigadora presentaba o pasado ano na Galería Sarao de Ferrol.

Que che parece esta nova?
79 lecturas 0 reaccións

Cando valoras a nova, culturagalega.gal aprende para ofrecerche a ti e outros usuarios con gustos afíns máis contidos de interese.

Do mesmo ámbito

Universos

Claves