Xeracións actuais e pasadas de Belas Artes reúnense en 'Campo de Sementes 2'

O Museo de Pontevedra acolle esta mostra que reúne obras de trece artistas vencellados á Facultade

O Museo de Pontevedra acolle esta mostra que reúne obras de trece artistas vencellados á Facultade
Imaxe da exposición Foto: DUVI
O Museo Provincial de Pontevedra mantén moi viva a súa relación coa Facultade de Belas Artes e así o demostra coa nova exposición "Campo de sementes 2", que abriu onte no Edificio Castelao da institución provincial. Obras de trece artistas conforman esta mostra, na que todos teñen en común a súa relación como docentes ou antigos alumnos coa facultade. Dunha docente xubilada a unha graduada o pasado curso, ou unha homenaxe á desparecida Berta Cáccamo, artistas de diferentes xeracións están presentes nesta exposición que representa a continuidade dun proxecto entre o Museo e Facultade que xa tivo outras dúas mostras anteriores: 'Mestras e mestrados' (2020) e 'Campo de sementes' na Fundación RAC de Pontevedra entre abril e maio de 2021.

Neste terceiro capítulo son 13 as e os artistas que amosan á cidadanía o seu traballo creador. Artistas vellos e novos, docentes na súa meirande parte, mais tamén exalumnado, que representan ben a diversidade de xeracións e linguaxes artísticas que se están a dar no seo da Facultade de Belas Artes de Pontevedra. A través das súas creacións, a mostra que poderá visitarse ata o 28 de xaneiro busca proxectar "a diversidade de xeracións e linguaxes artísticas que se están a dar no seo da facultade e que, cómpre non esquecelo, están a construír o edificio da arte contemporánea galega", como sinala o decano, Xosé Manuel Buxán, comisario desta exposición. Pódese ver en 'Campo de Sementes 2' a achega dunha nova xeración de docentes, varios deles antigos estudantes da facultade, coma Lucía Romaní, Sonia Tourón e Miguel Cuba, aos que se suman as tamén docentes Carmen Lage e Xisela Franco. Nesa idea de reunir diferentes xeracións, a mostra acolle tamén obras da profesora xa xubilada Teresa Pajares así como dos docentes Ignacio Pérez-Jofre, Manolo Dimas e Elena Fernández Prada. No outro lado da balanza, na mostra están presentes as creacións de exalumnos como Juan Fontaíña e Maruxa Alonso, graduada o pasado curso, xunto coas do investigador predoutoral Carlos Fer. Ás súas pezas, súmanse dous cadros da que fora profesora da facultade Berta Cáccamo, falecida en 2018. Trátase, como explica o comisario, de dúas pinturas "da súa época de formación", realizadas en 1984 e 1986 e pertencentes a coleccións particulares de profesorado de Belas Artes, coas que a exposición busca ser tamén unha homenaxe á artista.