Arte sen parte

A fenda entre a presenza de artistas masculinos e femininas na programación dos centros de arte da comunidade aínda é grande, con meritorias excepcións

| Santiago. Redacción | Seccións: Arte
Compartir:
Museo de Pontevedra. Mostra 'Berta Cáccamo. Correspondencias de arquivo', 2024

Museo de Pontevedra. Mostra 'Berta Cáccamo. Correspondencias de arquivo', 2024

Galicia está lonxe da paridade en canto á representación feminina nas exposicións de museos e centros de arte, que é do 36,4% fronte ao 63,6% de representación masculina. Así aparece reflexado no informe 'Las artistas aquí y ahora' da asociación estatal Mujeres en las Artes Visuales, un documento que leva a cabo unha análise en claves territoriais e de xénero da participación de mulleres en centros de arte e museos. Por Galicia contou coa participación de María Xosé Fernández Iglesias como parte do equipo de investigación. Vintetres espazos nas catro provincias foron obxecto desta análise que mediu as porcentaxes de paridade en 450 exposicións, 131 colectivas e 319 individuais. 

Este documento ten como obxecto cartografar a presenza das artistas nas programacións de exposicións individuais e nas adquisicións de obra de arte por parte das institucións públicas durante o período 2020-2024. O informe tamén contempla programas dedicados a prácticas artísticas como a performance, a arte en contexto, eventos especiais e o papel desempeñado polas artistas nestes ámbitos máis abertos á diversidade e a innovación.

 

As porcentaxes reflectidas da media galega resultan idénticas as de comunidades como Castela e León e moi próximas as do resto das CCAA coa excepción de País Vasco e Baleares, onde os resultados son moi paritarios. Con todo en Galicia detrás destes resultados hai grandes diferenzas internas moi extremadas tanto cara un lado como para outro. Se ben neste caso as provincias que representan ambos extremos son Lugo e Ourense. A primeira obtén o mellor resultado desde o punto de vista de representación feminina grazas á Rede Museística Provincial da deputación, que eleva a representación feminina nas exposicións e actividades artísticas ao 71,5%. Un fito que no informe non dubidan atribuír ao compromiso de Encarna Lago, xerente desde 1999 desta rede con catro centros. Nesa mesma provincia o informe recolle tamén os datos de O Vello Cárcere de Lugo,. De xestión municipal, que sen ser tan amplos achéganse á paridade cun 44% das exposicións de artistas mulleres. 

 

No outro extremo destas medidas sitúase a provincia de Ourense, onde as porcentaxes caen por baixo do 19% de presenza de artistas femininas nas súas institucións. Nesta provincia o informe analiza tres centros dependentes de tres instancias diferentes. No caso do Centro Cultura José Angel Valente, do concello de Ourense, no período estudado das 11 exposicións individuais programadas só 2 foron de mulleres artistas, representando o 19%. Peor é a fenda de paridade no caso do Centro Cultural Marcos Valcarce, dependente da Deputación Provincial, que de 38 exposicións individuais só 5 foron de artistas femininas, o que supón un 13,2%. A Universidade de Vigo no campus ourensán consegue na súa Sala Alterarte, dedicada a expor a artistas emerxentes, elevar a representación feminina cun 40% graza a ter programado 8 exposicións de mulleres entre as 20 que se fixeron no período de estudo. Neste extremo da conta, o informe sitúa tamén a catro centro de arte da comunidade que no período analizado non programaron ningunha exposición individual de mulleres artistas: Fundación Barrié de la Maza, Fundación Marta Ortega MOP, Museo de Belas Artes da Coruña (Xunta de Galicia) e Pazo da Cultura de Pontevedra (Concello). 

Presentación do informe no MARCO o 19 de febreiro  Foto: MAV
Presentación do informe no MARCO o 19 de febreiro Foto: MAV

Este documento ten como obxecto cartografar a presenza das artistas nas programacións de exposicións individuais e nas adquisicións de obra de arte por parte das institucións públicas durante o período 2020-2024. O informe tamén contempla programas dedicados a prácticas artísticas como a performance, a arte en contexto, eventos especiais e o papel desempeñado polas artistas nestes ámbitos máis abertos á diversidade e a innovación.

 

Nas provincias occidentais os datos oscilan bastante entre centros de arte. Así as Salas da Deputación Provincial de Pontevedra amosan, no período 2020-2024, unha porcentaxe do 69% de representación das mulleres da arte. Este feito o propio documento o atribúe a un compromiso persoal, ao igual que no caso de Lugo, na xestión por parte de Paula Cabaleiro. Nesa mesma provincia só o MARCO de Vigo acada cifras achegadas á paridade, aínda que sen acadala e chegando ao 43% no resto dos centros estudados oscílase entre o 20 e 0 30 por cento. No caso da provincia da Coruña, a cabeceira da arte contemporánea galega, o CGAC, dá o mellor resultado en paridade, cun 50-50. É tamén o caso da Fundación DIDAC en Santiago e da Igrexa da Universidade de Santiago. Unha gran institución autonómica como a Cidade da Cultura de Galicia queda sen embargo moi lonxe cunha representatividade feminina de só o 25%. Tamén a Fundación Seoane da Coruña ten hai un gran punto feble ao ensanchar a fenda de xéneros relegando ás artistas femininas a unha representación do 18% na súa programación no período de análise.  

 

Perfil das artistas

O estudio levado a cabo indaga tamén no perfil das artistas que tiveron exposicións nestes centros, desde a perspectiva xeracional e de lugar de orixe. Os datos recollidos indican máis da metade das artistas, en concreto o 55,4%, eran menores de 50 anos. A franxa superior aos 61 anos de idade equivalería ao 35,2 % en termos porcentuais. Sendo a franxa máis numerosa a que supera os 40 anos ata os 60. Respecto á procedencia o informe deixa claro que os centros de arte e museos galegos programan maioritariamente artistas da comunidade, o 85%, e nalgúns casos coma nas provincias de Lugo e Ourense as artistas ademais son de orixe moi local en canto a procedencia ou residencia. 

 

O documento lembra que os museos do século XXI, ao igual que os centros de arte, configúranse como espazos cívicos vitais para a cohesión social, a reflexión sobre o presente e o futuro, e o debate público. A investigación levada a cabo inclúe tamén unha parte económica, sobre gastos de produción, retribucións a artistas e comisarias e adquisicións de obra, pero neste caso os datos son escasos. A opacidade é o máis habitual e os centros non adoitan responder claramente, no caso de que dean unha resposta, cousa que non sempre é así. A autora do informe deixa clara a falta de colaboración dalgunhas entidades concretas e de concreción de outras moitas ao ser inquiridas polos datos económicos que se manexan. Se ben os centros máis emblemáticos foron facilitadores de información, outros plantexaron serias dificultades no acceso aos datos en xeral e, como especifica a autora, moitos carecen de webs actualizadas. Como explica no inicio das súas conclusións, este estudo parte da base de que nas artes visuais, as boas prácticas son a excepción. O informe presentouse o pasado 20 de febreiro no MARCO de Vigo e de xeito simultáneo noutras comunidades do Estado.

Que che parece esta nova?
58 lecturas 0 reaccións

Cando valoras a nova, culturagalega.gal aprende para ofrecerche a ti e outros usuarios con gustos afíns máis contidos de interese.

Axuda a difundir a cultura galega

Do mesmo ámbito

Universos

Claves