No acto interviron Concha Losada, presidenta do Padroado do Museo do Pobo Galego; Coral Piñeiro e Fran Rodríguez, integrantes do colectivo Memoria e Cinema e co-directores da MICE; Míriam Louzao Fernández, concelleira de Capital Cultural do Concello de Santiago de Compostela; Xosé L. Penas Corral, deputado de Patrimonio da Deputación da Coruña; e Jacobo Sutil, en representación da Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC) da Xunta de Galicia.
A XXIª Mostra Internacional de Cinema Etnográfico (MICE) do Museo do Pobo Galego celebrarase en Santiago de Compostela do 10 ao 15 de marzo. Tras dúas décadas de traxectoria, a MICE reafirma a súa identidade como un espazo singular centrado no cinema etnográfico e na antropoloxía visual, ao tempo que consolida unha orientación que a sitúa como territorio de creación e experimentación ligado ao rexistro antropolóxico. O festival pretende avanzar para reforzar o seu papel como espazo de creación e experimentación ligado ao rexistro antropolóxico. Esta liña tradúcese nunha programación que combina exhibición, pensamento e procesos creativos. Esta edición, presentada hoxe, supón unha nova etapa con cambio na dirección da mostra, que pasa a Coral Piñeiro e Fran Rodríguez, integrantes do colectivo Memoria e Cinema e novos co-directores da MICE, en troqus de Ana estévez, que levaba vinte anos ao cargo da dirección e que o levou á súa consolidación e prestixio.
Nesta edición, a MICE dedica unha retrospectiva a Maddi Barber, cun percorrido integral pola súa filmografía e presenta o foco dedicado a Zinema Auzolanean, experiencia de cinema colectivo desenvolvida por Hiruki Filmak, que propón unha reflexión sobre autorrepresentación, procesos comunitarios e metodoloxías de creación compartida. A MICE reforza de maneira especial a súa vinculación co tecido universitario, achegándose ao público máis novo dende a experiencia do consumo cinematográfico e promovendo o coñecemento das prácticas e olladas do cinema etnográfico. Neste marco insírense a sesión desenvolvida en colaboración co Cineclube da Facultade de Ciencias da Comunicación (FACOM) e a sesión realizada xunto ao Festival Novos Cinemas, dedicada á mostra dos traballos da súa sección Aula en colaboración coa Universidade de Vigo.
O festival reforza a súa dimensión como espazo de creación e investigación a través de iniciativas como SONORA · Residencia de escoita, da que nace Redeiras de A Guarda, presentada na sesión inaugural, e coa incorporación de Profanacións, novo territorio dedicado á creación, investigación e acompañamento de proxectos en fases iniciais. O traballo arredor dos procesos e da materialidade do cinema concrétase tamén no taller intensivo de iniciación ao cinema en 16 mm, desenvolvido en colaboración coa ECAM, e na reactivación de Carrete 36, iniciativa do colectivo artístico Ciclón que articula prácticas de creación, rexistro e autoedición a través do formato analóxico. O conxunto complétase cun programa de actividades que activan zonas de encontro entre disciplinas e prácticas, consolidando un ecosistema no que proxeccións, procesos, formación e reflexión funcionan de maneira integrada.
As seccións competitivas articulan un dos núcleos centrais da programación, configurando un espazo de visibilización para obras que dialogan coa antropoloxía visual, o rexistro do real e as linguaxes audiovisuais contemporáneas. A Sección Galicia reafírmase como un espazo privilexiado para observar as múltiples direccións do cinema galego actual. A selección desta edición debuxa un percorrido que atravesa prácticas de animación, ensaio audiovisual, cinema sensorial e propostas de forte vinculación co territorio. Entre as obras programadas atópase El cuerpo de cristo, de Bea Lema, presentada como estrea en Galicia. Xunto a ela, Alboroque, de Sabrina Fernández Casas, propón unha lectura política e ecolóxica atravesada pola relación entre Galicia e Suíza, mentres que Furada Negra, de Berio Molina, constrúe unha aproximación poética ás covas como espazos de memoria, refuxio e imaxinario. A sección complétase con A voz de todas as cousas, de Daniel Pérez Silva, retrato sensorial da cidade da Coruña a través da música e do ritmo urbano, e La historia todavía no conoce mi nombre, de Diana Toucedo, tamén estrea en Galicia, unha proposta que dialoga co territorio mexicano dende unha perspectiva simbólica, identitaria e política. A Sección Internacional mantén o seu compromiso cun cinema sen restricións de xénero nin formato, cunha marcada orientación antropolóxica e unha atención especial ás prácticas máis innovadoras e arriscadas.




