Anzuelo, a novela gráfica que a artista arousán Emma Ríos creou nos últimos cinco anos, foi recoñecida cunha medalla de bronce nos XIX Japan International Manga Awards. A autora recolle o galardón este 4 de marzo en Tokio canda a outras catorce persoas que fan parte do palmarés destes galardóns.
O Ministerio de Asuntos Exteriores nipón organiza este certame co que recoñece artistas de todo o mundo que contribúen a difundir a arte do manga fóra deste país.
Anzuelo, que Ríos define como un dos seus traballos máis persoais, segue as vivencias dun grupo de adolescentes nun mundo devastado polo desbordamento dos océanos. Esta é a primeira ocasión en que unha creación de banda deseñada de autoría galega é recoñecida neste certame.

