En 2024 celebráronse no noso país 4.540 concertos de música popular, unha cifra que se aproxima aos anos previos á pandemia de Covid-19 e consolida a recuperación dos recitais ao vivo. Así o recolle o documento de traballo A música popular en Galicia. Análise e perspectivas que publicou o Observatorio da Cultura Galega e que está dispoñible no web do Consello da Cultura.
A cifra, non entanto, mantense estable nun 3,8% dos concertos celebrados no Estado, mentres cae o número de espectadores a un 3,9% deste total e a recadación nada menos que un 22,3% a respecto de 2023. Medra, pola contra, o gasto medio por espectador, que acada a media estatal con 12,3 euros.
Esta análise sinala ademais o peso dos festivais no consumo de música ao vivo, xa que case a metade das persoas que asistiron a concertos de música actual fixérono no contexto dun destes eventos, unha cifra que se sitúa por riba da media estatal. Deste xeito, o a importancia do formato para o sector revélase cada vez maior, aínda que o propio documento advirte que as estatísticas poden deixar fóra moita actividade de pequeno formato ou articulada en programacións locais.
Así o texto advirte que "a expansión de grandes formatos -en ocasións con apoio público- pode contribuír a unha distorsión de prezos e expectativas, facendo máis difícil que o público valore o custo real da música en salas e circuítos pequenos" e avoga por "reforzar a conveniencia de reequilibrar o ecosistema, coidando os formatos de proximidade e mellorando a mediación e a comunicación pública sen reducir a música a un produto turístico".
Fóra do directo, o móbil e os equipos conectados a Internet aparecen como principais medios para o consumo musical. Entre as novidades nos hábitos de consumo que detectou esta análise destaca que 20,6% da poboación galega declara que viu algún concerto en liña no último ano.
Encol do apoio público ao sector, o estudo revela un investimento irregular, con picos como o de 2021, que procuraba a reactivación logo da pandemia. Ademais, os datos sinalan que máis da metade dos apoios son contías de menos de 3.000 euros, e hai menos apoios elevados en comparación con outros ámbitos culturais. Aínda que no período estudado se incrementou a contratación de persoal neste ámbito, continúa a existir unha alta temporalidade laboral .
O Documento de Traballo recolle ademais demandas do sector, que se centran no apoio a internacionalización da música do país, a necesidade de liñas específicas para a música en galego e unha reformulación da distribución dos fondos que contemple "máis previsión e continuidade, simplificación administrativa, coordinación e un maior equilibrio na distribución de recursos para evitar a concentración nunha minoría de proxectos".



