Existe unha rede de persoas arredor do mundo, cruzando paralelos e meridianos, que coidan o noso idioma e a nosa cultura. Son profesionais altamente cualificados, que entre eles conforman unha organización nada secreta cuxo lazo de unión é a lingua e a cultura galegas. Entre eles estúdiana, investígana, difúndena e ensínana e milleiros de persoas arredor do globo terráqueo. Non son unha organización gobernamental, aínda que teñen as súas bases de traballo en institucións, concretamente nas universidades e algunhas están financiadas desde os orzamentos da Xunta de Galicia, como parte do seu programa de política lingüística. Reunidos dentro da Asociación Internacional de Estudos Galegos, cada dous anos xúntanse a comparar notas e investigacións, a expor os seus achados e as súas dúbidas, a reforzar o lazo que os converte en axentes internacionais da nosa cultura, con licencia para ensinala alí onde lles levou o feito de coñecela.
En 1975, unha doutoranda da State University of New York en Buffalo, EE.UU., de nome Kathleen March (Rochester, 1949), filóloga especializada en estudos hispanos, latinoamericanos e portugueses chegou a Galicia coa intención de investigar sobre a poesía de Manuel Antonio, unha vez nesta terra os seus lazos coa lingua e a cultura fixéronse intensos e profundos. Tras aquel inicio comezou a mergullarse na literatura galega contemporánea, campo que co tempo pasou a ocupar un espazo central na súa produción investigadora, e levou cabo estudos sobre Carvalho Calero, Castelao, Luz Pozo, Xohana Torres e tamén Rosalía, na que atopou unha modernidade e unha perspectiva de xénero coa que pronto se sentiu identificada. Poucos anos despois, en 1985, xa doutorada e como profesora de Universidade de Maine tomou unha iniciativa proactiva a favor do impulso ao coñecemento da nosa lingua e fundou a Galician Studies Association, unha ferramenta para impulsar os estudos galegos no eido académico norteamericano, inicialmente. Este foi un dos moitos méritos polos que March recibe estes días a Medalla do Consello da Cultura Galega.
Como primeira presidenta desta asociación non gobernamental e sen ánimo de lucro March sentou as bases da actividade de posta en común dos estudos e investigacións a través de congresos trianuais, o primeiro deles na súa universidade nese mesmo ano. As áreas de estudo comprendían maioritariamente naquel momento a literatura, a historia, a cultura e a lingua galega. É a partir do ano 1991 no seu terceiro congreso cando comezaron a interesarse especialmente pola lingua. Nese momento, co finado profesor Xoán González Millán O Grove,1951- Lexington, 2002) como presidente a asociación dá un salto á internacionalización e pasa a denominarse, como na actualidade Asociación Internacional de Estudos Galegos/International Association of Galician Studies (AIEG). O seu cuarto congreso trianual, en 1994, celébrase xa fóra dos EE.UU., na Universidade de Oxford, Inglaterra e baixo a presidencia de John Rutherford, profesor de lingua e literatura española e lingua e literatura galega, tradutor ao inglés destas linguas, novelista e académico.
A dinámica trianual dos congresos mantense ata actualidade, contando dese xeito ata catorce congresos celebrados arestora, distribuídos en trece universidades anfitrioas en oito diferentes países de ambos lados do atlántico, sendo ata o de agora Europa e América os continentes que aglutinan estes encontros. A última ocasión na que estes estudosos do galego se reuniron foi en xullo de 2025, xuntándose en Santiago de Compostela, na sede do Consello da Cultura Galega nunha xornada de celebración do 40 aniversario da Asociación. As instalacións desta institución acollen agora o domicilio social da asociación a todos os efectos, aínda que os congresos seguirán a celebrarse en diferentes espazos do globo. O seguinte congreso, previsto para 2027, será o número XV e terá lugar no Brasil.

Na actualidade, o galego é obxecto de estudo en 40 universidades de 20 países. Delas, 29 contan con lectores –licenciados/as en Filoloxía Galega-, asentados en departamentos coñecidos como Centro de Estudos Galegos, que imparten materias de lingua galega adaptadas ás necesidades do alumnado de cada universidade (gramática histórica, cursos de conversa, cursos de lingua e civilización etc.). Asemade, numerosas actividades relacionadas coa lingua galega e, en xeral, co patrimonio de Galicia complementan os programas formativos. O actual presidente da asociación, Xoán Lagares, é profesor asociado do Departamento de Letras Extranjeras Modernas e investigador do Programa de Posgraduación en Estudos da Linguaxe na Universidade Federal Fluminense, de Río de Janeiro en Brasil, que acollerá o seguinte congreso da entidade. Tamén a actual vicepresidenta é de Brasil, Valéria Gil Conde, profesora doutora da Universidade de São Paulo. Al eles correspondeu organizar as xornadas do 40 aniversario e eles serán os anfitrións do seguinte congreso. Tras diso chegará o recambio, xa que ese é o seu modo de funcionamento, a cada congreso cambia a executiva da AIEG. " Ás veces queda algunha persoa que fai de ponte", explica Lagares, "a nosa xunta directiva está formada por profesorado de universidades brasileiras", xa con vistas á organización do congreso.
Dixitalización e actividade en liña
Estes encontros trianuais supoñen a actividade fundamental da asociación. Neles intercambiase o coñecemento, expóñense as dúbidas e debates, preséntanse as publicacións e discútense as liñas a seguir. O feito de que cada vez se faga nun lugar diferente e cunha executiva distinta, foi na contra un factor de falta de continuidade que xa non ten sentido na sociedade dixital globalizada. "Antes do mundo dixital era imposible facer actividades entre congresos, manter unha actividade constante. Entón a asociación só tiña actividade nese congreso, un acto que tamén permitía a súa renovación", explica Xoán Lagares. Pero agora están decididos a facer que iso mude e aproveitar as ferramentas de comunicación dixital dun xeito máis avanzado. "Unha das cousas que estamos pretendendo facer agora desde a nosa Xunta Directiva é acometer a dixitalización da asociación. Cada congreso facía a súa páxina web e iso vaise perdendo porque non se renovan os dominios e a información fica espallada por aí", explícanos Lagares. Mudar esas maneiras de manexar a información é unha das cousas que está no seu programa de acción desde a executiva que encabeza con Véria Gil, segundo ambos nos explican. "Era un dos obxectivos deste encontro polos 40 anos, un obxectivo de memoria, porque ao estar tan espallada a asociación internacionalmente a súa memoria destes 40 anos tamén estaba espallada. Pensamos que era necesario reorganizar esa memoria institucional, que estaba distribuída nas mentes de varias persoas por aí e xuntar a información dixitalmente, ademais de manter unha actividade máis constante a través das canles dixitais".
Arestora a AIEG conta cunha páxina web propia "coa idea que todos os congresos que veñan poidan ter un lugar dentro desa web, para englobar todo o que se fixo e se fai", conta Lagares e sinala que ademais de mirar cara ao futuro é moi importante a recuperación da información anterior, "estamos a recuperar toda a información dixital anterior e pretendemos recuperar documentación impresa en papel que non estaban dixitalizadas", explica nunha ollada de corenta anos atrás na busca de materiais dun mundo que era moi distinto ao actual. Dentro desta transformación dixital e tamén co ánimo de facer permanecer as memorias a executiva entende que hai información que non está en máis sitios que nas lembranzas das persoas que participaron destas actividades, por ese motivo están levando a cabo filmacións dalgunhas das persoas que formaron anteriormente parte da executiva e organizaron algúns deses congresos, para que conten as súas experiencias e estas queden rexistradas como parte desa documentación. Ademais, a través da mesma canle de YouTube da asociación xa están facendo actividades en liña en directo, emitindo encontros e debates. "A canle, di Lagares, tamén funciona como un instrumento ao servizo dos asociados para que eles poidan propor actividades, lanzamentos de libros e presentar os seus proxectos de pesquisas, resultados, ou organizar debates...", propiciando unha actividade constante entre congresos o que, segundo o presidente, pode servir para aumentar a entrada de novos asociados. "O noso obxectivo é tamén que, como ata agora funcionabamos de congreso en congreso e a xente asociábase para o propio congreso, a nosa intención e facer unha campaña para promover o asociacionismo e para iso hai que ofrecer activades".
"un centro de estudos galegos que non ten retorno da universidade que o acolle, non ten interese estratéxico, ten que ser interese mutuo senón fica unha cousa folclórica"
A maiores desta dixitalización e incitación á actividade continua entre asociados, o outro reto da actual directiva é, como no, a organización do propio XV congreso no Brasil en 2027. "Vai recibir xente de moitos lugares e organizar unha cousa así é complicado nas condicións para que as actividades poidan ser desenvolvidas - explica Xoán Lagares - nas nosas universidade temos medios e temos experiencia tamén. A Federal Fluminense, onde el traballa é o primeiro núcleo de estudos galegos no Brasil, o cal implica unha oportunidade de dar a coñecer o que se fai alí, nos estudos brasileiros". Estes encontros internacionais supoñen obter, segundo eles, un retrato fiel do que se está a investigar noutros centros e dá a oportunidade de coñecelo. Lagares indica que no Brasil "xa hai un importante traballo acumulado e é unha oportunidade de dar a coñecer ese traballo e vai ir xente de todo o mundo, incluíndo outros investigadores brasileiros sobre lingua e literatura galega e tamén sobre a Historia ou outros aspectos da cultura galega".
Un papel de diplomacia cultural que require planificación
Como parte dos asociados tamén pertencen á Rede de Centros de Estudos Galegos da Xunta desde a AIEG reivindican ante o goberno galego a necesidade de establecer unha planificación estratéxica e unha mellor coordinación dos centros entre si e no só dun xeito vertical coa Xunta de Galicia. "Demandamos unha maior relación en rede dos lectorados galegos, porque agora mesmo dáse dun xeito bilateral, entre cada centro e a Xunta, pero hai poucas reunións entre eles ou partillamento de material dixital, non son cousas moi caras, son cuestión dunha coordinación que non hai. Hai recursos que non serían tan custosos", explica Lagares. Sinalan tamén esa necesidade de ter un plan respecto á presenza do galego no exterior para "saber onde se pode crear ou interesa ter un centro en cada momento e non deixar que funcionen por inercia, deixando que sigan cousas que non funcionan", di Xoán, "un centro de estudos galegos que non ten retorno da universidade que o acolle, non ten interese estratéxico, ten que ser interese mutuo senón fica unha cousa folclórica", conclúe.
Nos moitos lectorados de galego que están na Rede, desde a asociación ven demandas de melloras urxentes e necesarias, segundo eles sobre todo en relación ás condicións laborais dos lectores e o seu status. Sinala que ven moita marxe de mellore, "porque a situación é bastante precaria". Entre as reivindicacións habituais figura o feito de que normalmente o financiamento son bolsas desactualizadas durante anos. "Os bolseiros son enviados e chegan a cidades que non coñecen e rapidamente teñen que desenvolver actividades de docencia en circunstancias que non dominan ás veces", explican. "Pensamos que habería outras posibilidades de contratación de bolseiros, nalgunhas universidades podería haber bolsas específicas para doutores, poderían ser profesores do ensino medio que fosen en comisión de servicios, mantendo o seu salario o que lles permitiría vivir con máis dignidade no exterior, porque as bolsas son moi precarias e son as mesmas para todos os lugares o cal resulta inxusto, porque non é o mesmo vivir en París ou Berlín que noutros sitios - sinala Valéria Gil- . Nos diriamos que teñen que estar adaptadas as condicións ao destino". Ademais tamén teñen outras suxestións de mellor que teñen que ver máis coa propia organización, como a posibilidade dunha formación de adaptación previa ao país ou o feito de que se poida haber "rotatividade para aproveitar as experiencias". Son ideas que xurden tamén das experiencias de outros lectorados de outras linguas, que funcionan de maneira diferente, como por exemplo citan os de catalán ou de español.
Reunión da AIEG na sede do Consello da Cultura Galega
"A nosa asociación é académica, de investigadores universitarios polo mundo, mais cumpre un papel político na difusión cultural da Galiza, como diplomacia cultural", aseguran Xoán e Valéria, lembrando que como asociación é un ente privado e independente, pero cumpre ese papel. Nese marco teñen sempre a mesa a necesidade de estratexias do goberno para a difusión da cultura galega. "Pensamos que o noso papel non é so cara fóra, - explica Lagares- senón que temos unha contribución que facer cara o país. Somos investigadores en distintos ámbitos, polo mundo adiante, inseridos en dinámicas académicas diferentes e que poden contribuír con novos ollares sobre a sociedade e a cultura galegas, desde teorías e metodoloxías diferentes", afirma. Consideran que estes centros poden ser unha "correa de transmisión do pensamento, métodos e teorías que circulan polo mundo e iso pode ser unha riqueza para o país". Os dirixentes sinalan que nese sentido, de cara ao vindeiro novo Plan de Normalización Lingüística que se está a elaborar, eles poden facer achegas xa que , como sinalan "hai unha sección completa sobre difusión internacional da lingua galega e nós temos o compromiso de ofrecer desde a asociación propostas para ese plan".
Contribuír a Galicia
As áreas de traballo dos investigadores no marco desta asociación comezaron sendo a literatura, a historia, cultura e a lingua galegas. Ao se desenvolver a conexión coa comunidade académica de Galicia tras o congreso de 1991, intensifícase o interese polos estudos sobre a lingua galega. Con todo, nesta última década vense observando un maior interese por outras áreas do saber con pouca visibilidade ata o momento, como serían os estudos de tradución, a economía ou o dereito. Na actualidade, a AIEG potencia a presenza de estudos doutras áreas, realiza algunhas actividades entre congresos e edita o BAIEG, boletín informativo da asociación.
"A nosa asociación é académica, de investigadores universitarios polo mundo, mais cumpre un papel político na difusión cultural da Galiza, como diplomacia cultural"
Desde a AIEG entenden que o seu traballo ten un carácter bidireccional, de contribuír tamén en Galicia desde fóra dela. Ante a situación do galego entre a nosa sociedade, de acordo cos datos negativos que se observaron nalgúns estudos e enquisas, estes investigadores opinan que o seu traballo pode empurrar en realzar a sensación de prestixio. "A contribución que podemos dar nós é mostrar a vitalidade da lingua e da cultura e a súa capacidade de actualización e de diálogo co mundo. -explica Lagares- Demostrar que o galego é unha lingua que sirve para dialogar con outras realidades. Iso debería ter un efecto psicolóxico colectivo no imaxinario da lingua". Os centros de estudios galegos están para discutir cuestións que interesan ao mundo e a nós, cuestións que teñen que ver coa diversidade, a igualdade, a ecoloxía... Discutir noutros países desas cousas que nos interesan, e facelo en galego co mundo", remarca Xoán ao mesmo tempo que busca distanciarse de calquera interpretación folclórica sobre estes espazos de investigación e diálogo.
O ámbito de lingua portuguesa resulta especial neste mesmo sentido de facilidade para o diálogo académico desde o primeiro minuto. Unha experiencia que resulta enriquecedora para ambas partes. "Nós levamos a cultura galega, pero tamén traemos outras perspectivas e outros ollares sobre nós mesmos e iso ten un valor para propia política lingüística poñendo en valor a lingua galega. Todas as grandes linguas de Estado teñen políticas de difusión que son moi importantes, mesmo con valor económico porque a persoa que entra en contacto coa lingua galega a partir de aí entra en contacto cos bens culturais que se producen en galego: cinema, literatura, teatro... De aí pasan a artes plásticas, gastronomía... Todo iso ten un gran valor económico. O español utiliza ese tipo de estratexias e nós temos que utilizalas tamén", insiste Lagares.
"Hai un interese moi grande polo galego e polo que representa na historia do portugués, no ámbito da lingüística brasileira"
Para incidir nese efecto expansivo sinala Xoán lagares como os estudantes dos centros asociados acaban "establecendo un vínculo ata emocional co galego", tras o que moitos deles despois veñen coñecer o país, por exemplo. E algúns deles despois incluso contribúen de moitos xeitos, virando en tradutores, profesores que levan lectorados, etc. "É unha difusión da nosa lingua e da nosa cultura a nivel internacional que non pende do fenómeno migratorio. Esa é a visión estratéxica que falta desde o noso punto de vista", incide o profesor Lafgares,"Desde a Xunta identifican moito os centros de estudos galegos con cursos da lingua para emigrantes ou descendentes de emigrantes, o galego como lingua de herdanza e tamén cunha visión medio folclórica que non consegue ver a potencia que iso pode ter". O investigador pon o Brasil como exemplo dun lugar onde esa visión quédase moi curta, "hai un interese moi grande polo galego e polo que representa na historia do portugués, no ámbito da lingüística brasileira". Lagares sinala a oportunidade que iso supón para facer de Galicia un lugar de acollida académica de primeiro nivel para a comunidade brasileira e portuguesa que podería estar recibindo centos de estudantes, investigadores e profesores brasileiros, non só de lingua, senón que grazas a ela, tamén poderían vir investigadores de outras áreas do coñecemento, "como bioloxía mariña", pon por exemplo. "Cousas onde Galicia ten onde contribuír e poderían vir estudantes e investigadores que poderían inserirse de xeito moi rápido grazas á facilidade de comunicación".
Lagares ten claro que a nosa lingua é unha vía de transporte non só cara a fora senón tamén de posible acollida dun continxente que só necesita saber máis de Galicia para atopar aquí motivos de achegamento por moi diversos motivos. "A lingua vai atravesar a adquisición de todos os coñecementos", conclúe.


