O festival EmigraSon segue nun crecemento continuo desde a súa primeira edición en 2023. Impulsado e organizado por un grupo de amigos galegos emigrados en Bruxelas, este evento leva ao corazón de Europa unha representación da mellor música actual en galego da nosa escena. Se na primeira edición reuniron un público de 400 persoas, en 2025 esa cifra xa se multiplicara ata as 2000. Ademais cada ano son capaces de crear un cartel que non é doado ver nin en Galicia, reunindo propostas de diversos xéneros musicais que teñen en común ser galegas e usar todas o noso idioma, ademais de ser sempre artistas que xa destacan tamén na nosa terra. O resultado é un escaparate magnífico da nosa escena musical moderna que atrae incluso a outros mozas e mozas galegos emigrados noutros países europeos, ante as facilidades para o transporte coa capital belga.
Nesta cuarta edición que o festival celebra este venres, 27 de xaneiro e o sábado 28, actuarán en Bruxelas Baiuca, The Rapants, 9Louro, Ortiga, Sabela, Paloma Paloma, Fer e a selección de música en galego que levan Duendeneta Dilleis. O programa, a desenvolver nas salas La Tricoterie e La Madeleine, complétase cunha foliada a cargo da Agrupación Cultura A Roda e a Irmandade Galega na Suíza. Esta iniciativa privada está a ser apoiada desde instancias públicas e empresas galegas. Así contan cos patrocinios de Deleite, Evolta (Finsa), Aireuropa, AiFalaches.gal, Turespaña, Instituto Cervantes, Xunta de Galicia, Fundación Galicia Europa, Deputación de Pontevedra e a Embaixada de España en Bélxica. O festival sorprende polo seu espírito comunitario e pola súa capacidade de mobilización. De forma autoxestionada e sen ánimo de lucro, o festival busca ser parte dunha nova xeración de galegos e galegas que fan da súa presenza no exterior unha oportunidade para representar Galicia con orgullo e modernidade.




