Novas residencias na Cidade da Cultura apoian a produción teatral

A Xunta presentou tamén o programa Enforma de formación para o sector escénico

| Santiago. Redacción | Seccións: espectáculosteatro
Compartir:
Novas residencias na Cidade da Cultura apoian a produción teatral

Co nome de DescArtes a Consellería de Cultura presentaba este 24 de febreiro as novas residencias artísticas que se desenvolverán na Cidade da Cultura. O formato, orientado ás artes escénicas, inicia a súa primeira edición con tres proxectos seleccionados dos que o público poderá coñecer elementos creativos que finalmente non farán parte das montaxes.

A primeira proposta seleccionada na edición inaugural do programa é Dolce far niente, do colectivo Desattada. A obra "reflexiona sobre a precariedade laboral, a identidade e a posibilidade de manter o compromiso persoal nunha sociedade cambiante, inspirándose na propia experiencia da autora nunha cadea de comida rápida", segundo explica a Xunta.

 

O actor, músicos e director artístico Hugo Torres protagoniza a segunda montaxe desta iniciativa, que se estreará no vindeiro festival Escenas do cambio e que conta coa produción da compañía portuguesa Tripo Limpo, o FITEI - Festival Internacional de Teatro de Expressão Ibérica do Porto e o Centro Dramático Galego.

 

Finalmente, Vitiriteiros presentarán ÑiquiÑaque, peza que leva a escena un texto de Cándido Pazó. Na trama, dous cómicos ambulantes a punto de disolver a súa compañía reciben o encargo dun Gran Duque para facer unha nova versión de Romeo e Xulieta, á que dan forma mentres viaxan nun motocarro avariado.

 

As novas residencias presentan a peculiaridade de que as propostas seleccionadas compartirán co público materiais escénicos de cada obra que non farán parte das montaxes finais. As persoas participantes conversarán coas responsables das obras para coñecer os procesos de selección que levan á configuración final de cada espectáculos. Estes encontros rexistraranse nun "libro de descartes" que será accesible nun formato aínda por determinar.

 

En paralelo a esta iniciativa, a Consellería presentaba tamén o novo programa Enforma de formación para as artes escénicas. Un laboratorio de creación escénica inclusivo abre a proposta estes 28 e 29 de febreiro, vinculado á creación do espectáculo Somos os monstros, coprodución de Berrobambán xunto ás compañías portuguesas Terra Amarela e  Comédias do Minho e o Centro Dramático Galego, a partir do texto da premiada autora teatral Paula Carballeira. Canda a isto, desenvolverase unha nova edición do proxecto LÓVA (La Ópera, Vehículo de Aprendizaxe), que desenvolve a Consellería de Educación co Teatro Real, un micro-máster sobre deseño de iluminación e unha nova edición da formación específica en improvisación teatral FIT.

Que che parece esta nova?
127 lecturas 0 reaccións

Cando valoras a nova, culturagalega.gal aprende para ofrecerche a ti e outros usuarios con gustos afíns máis contidos de interese.

Axuda a difundir a cultura galega

Do mesmo ámbito

Universos

Claves