A compañía Ibuprofeno Teatro estrea este venres en Ames a súa nova montaxe 'Bio construción'. Marián Bañobre e Santiago Cortegoso dirixen e interpretan o último texto dramatúrxico del. Eles dan vida a unha parella que deixa o teatro para marchar a un lugar remoto e emprender, con toda a ilusión, a construción dunha casa coas súas propias mans. Así pasan trinta anos, toda unha vida traballando, lonxe do mundo, cun compromiso inquebrantable. A trama da peza está intimamente ligada á evolución do espazo escénico. Segundo avanzan as obras da casa, o espazo irase transformando, de igual xeito que os dous personaxes, durante as tres décadas nas que ten lugar a acción. Dende un punto de vista formal a obra achégase á instalación, ofrecendo ao espectador un transcorrer de imaxes plásticas dende o espazo baleiro ata a paisaxe recargada.
Entre o surrealismo e o absurdo, 'Bio construción' preséntase como unha comedia existencialista sobre os soños, a perseverancia e a frustración. Pretende ser unha reflexión metafórica sobre o fracaso, a crise climática e ecolóxica, a inxustiza do sistema inmobiliario, o amor, o teatro e a estupidez humana na sociedade contemporánea. Sobre o escenario estarán acompañados de Macarena Montesinos que executará a música en directo que acompaña este percorrido vital dos protagonistas. Este venres, 27 de febreiro terá lugar a estrea na Casa de Cultura do Milladoiro ás 20:30 horas e a función repetirase o sábado co mesmo horario. A seguinte parada da obra será o 14 de marzo en Cangas e posteriormente o día 20 de marzo en Soutomaior.




