Fermín Bouza Brey (Ponteareas, 1901 - Santiago de Compostela, 1973), poeta, escritor e historiador, foi un dos fundadores do Seminario de Estudos Galegos
O grupo municipal do BNG no Concello de Vilagarcía de Arousa ven de confirmar que o consistorio convocará unha nova edición do Premio de Poesía Fermín Bouza Brey, que será a sexta deste galardón bianual. Esta convocatoria, que chega tras dezaseis anos de desaparición do certame será posible ao terse incluído a partida nos orzamentos municipais a petición do BNG durante as negociacións para a súa aprobación.
Segundo avanzaron os edís nacionalistas, o prazo de admisión de orixinais comezará en canto se fagan públicas as súas bases, que xa están moi avanzadas e rematará o 1 de maio deste mesmo ano. A resolución do xurado terá lugar en decembro e agárdase entregalo o 2i de marzo do 2027, polo Día Mundial da Poesía. O certame estará dotado cun único premio de cinco mil euros e o texto gañador publicarase na colección Dombate da editorial Galaxia, segundo avanzaron. No ano 2010 o xurado decidiu deixar deserta a resolución ante a "falta de calidade dos traballos presentados", ademais naquela ocasión tame´n se considerou que a convocatoria non tiña alcanzado a suficiente participación ao presentarse só dez textos elixibles, cando en ocasións anteriores esa cifra fora de máis de cincuenta. Nese momento, propúxose mellorar a dotación e a comunicación do certame, pero nunca volveu a levarse a cabo, ata agora.
