Órgano de Santa Clara. Fonte: Web do Concello de Pontevedra
O altar maior, os retablos colaterais, o púlpito, a sillería do coro e o órgano do antigo convento de Santa Clara pasarán a mans da Deputación de Pontevedra. O presidente da entidade, Luis López, anunciaba na mañá deste 20 de febreiro a aprobación dunha partida por valor de 396.250 euros para realizar esta adquisición.
A Deputación é na actualidade propietaria do inmoble, onde está a desenvolver proxectos de restauración e intervencións arqueolóxicas, mentres que os bens que agora adquire permanecían en mans da Igrexa aínda que están depositados no propio templo.
Segundo adiantou López, a intención da Deputación e manter estes bens no conxunto relixioso, evitar a súa dispersión e integralos na futura función do espazo como parte das instalacións do Museo de Pontevedra. Unha vez confirmada a adquisición, unha das primeiras actuacións previstas é a restauración do órgano barroco do templo, único do seu tipo na cidade, construído en 1795.
Precisamente o pasado 17 de febreiro a Dirección Xeral de Patrimonio autorizaba o proxecto de intervención arqueolóxica que a entidade provincial vai desenvolver no conxunto. En total, o proxecto de investigación e rehabilitación do antigo convento conta cun orzamento de 16 millóns de euros, dos que a Deputación corre con 10 e a Xunta cos outros 6.
Dentro das proposta de reactivación do espazo, a entidade provincial adiantou o vindeiro desenvolvemento dun programa de visitas guiadas e a incorporación do mesmo ao programa Artes Vivas da Bienal de Pontevedra.


