A Fundación Rosalía de Castro xa presentou o programa para celebrar o aniversario do nacemento de Rosalía de Castro o vindeiro 23 de febreiro. Os actos alternaranse en Santiago de Compostela e Padrón. O día comezará en Padrón cunh alborada ás 10 da mañá co grupo Carapaus e lectura de poemas por parte do alumnado local. Ás 14 h. os locais hostaleiros tamén ofrecerán o xa tradicional caldo de Gloria. Entrementres, en Santiago ás 11 da mañá haberá unha ofrenda na Praza de Vigo, onde estaba a casa na que naceu a escritora, seguida dun acto institucional no Panteón de Galegos e Galegas Ilustres (san Domingos de Bonaval), con lectura de poemas e música cos Carapaus e Uxía Senlle & Javier Ruibal, seguida dunha degustación dun caldo de gloria da man de Iago Pazos. Xa pola tarde, na Casa de Rosalía de volta en Padrón ás 19 horas haberá unha degustación de caldo de gloria e bolos do pote para quencer o corpo antes do concerto de Uxía Senlle & Javier Ruibal ás 20 horas. Ao tempo, a Fundación Rosalía de Castro fai un chamamento para que os músicos do país dean unha alborada de gloria na súa honra.




