
A plantación da Figueira de Rosalía en Narón o día 22 dará paso xa o día 24 a un completo programa que comeza coas Alboradas en honor á autora e continúa con lecturas de poemas, ofrendas florais, novas sesións do Caldo de Gloria e un concerto a carto de Sabela King & Benjamín Vázquez.
Para alén da fundación, a Área de Cultura da Deputación da Coruña anunciou unha nova edición do xa habitual Festival Rosalía. Pasarrúas teatralizados, visitas de Super Rosalía, teatro no Museo do Pobo, un concerto de Tino Baz ou obradoiros de regueifa fan parte deste programa que se desenvolve ao longo do 29 de febreiro en Compostela.
Tamén a Deputación de Pontevedra anunciou as súas actividades por mor da efeméride, que desenvolverá entre os días 22 e 24. Un concerto de Xardín Desordenado, unha sesión de contacontos ilustrado e tamén encontros teatralizados coa autora e co pintor Modesto Brocos fan parte dun programa que se desenvolve entre Vigo e a capital provincial. A entidade tamén agasallará libros e flores a seguir a proposta da AELG.
Tamén en Vigo a asociación As da Industria organiza o día 24 unha tarde de actividades que inclúen buscas do tesouro, danza tradicional, obradoiros e xogo e mais un concerto.