
En paralelo, e en colaboración coa Asociación de Gaiteiros Galegos, a Fundación convida a intépretes de todo o país a tocar a Alborada para Rosalía, que conta con letra da propia autora. A maiores, na xornada do 24 de febreiro desenvolveranse ofrendas florais, intepretacións poéticas ou o concerto dos portugueses Canto D'Aqui na propia Casa Museo.
Pola súa banda, a Asociación de Escritores/as en Lingua Galega anima, como fai desde 2010, a agasallar neste día un libro en galego e unha flor e a celebrar a data baixo o lema Do XIX ao XXI: Libre o meu Pensamento!. Ademais, publicou xa no seu web un manifesto co gallo desta data, redactado para ocasión por Ana Romaní. Este texto lerase no acto central do día 24 de febreiro no Panteón de Galegos Ilustres, nun evento no que tamén se lerán poemas da autora e actuará a Coral da Asociación cultural e musical Solfa.
A entidade propuxo tamén actividades para centros de ensino para "observar e reflexionar sobre a vixencia do amplo abano de inxustizas sociais, incluída a situación da lingua galega, presentes na obra de Rosalía de Castro". Continúa ademais a proposta da asociación de que os concellos do país declaren oficialmente o Día de Rosalía nos seus plenos.



