Sergio Marey cuestiona a identidade tradicional

A Fundación Granell en Santiago de Compostela acolle a exposición 'Arrieire no camiño' ata 5 de abril

13/2/2026 | Santiago. Redacción | Seccións: ArteExposicións
Compartir:

A Fundación Eugenio Granell en Santiago de Compostela ven de presentar a exposición 'Arrieire no camiño'  do artista Sergio Marey, comisariada por Eduardo Valiña, que poderá visitarse ata o 5 de abril. Marey (Pol, Lugo, 1997) ofrece unha lectura crítica da tradición. A súa obra dialoga coa memoria colectiva, a cultura popular e as posicións disidentes, resignificando elementos rurais e cotiáns para cuestionar os relatos dominantes e abrir novas posibilidades para imaxinar a comunidade. A exposición propón reflexionar sobre como se constrúen e exclúen as tradicións e como se poden reinventar desde o presente.

Para Sergio Marey, a tradición non é unha identidade esencial, senón un campo atravesado por conflitos, desigualdades e transformacións. O seu traballo sitúase nun espazo de friccións, empregando códigos, imaxes e referencias moi ligadas ao contexto galego para cuestionar os relatos dominantes que historicamente os sostiveron.

Procedente dunha familia de labregos e hostaleiros na montaña lucense, o traballo de Sergio Marey está atravesado polas paisaxes, os saberes populares e as formas de vida comunitaria deste contexto. A súa obra articula tradición popular e problemáticas contemporáneas, con especial atención á recuperación de memorias marxinais, especialmente as das persoas LGBTIQA+ e doutros colectivos historicamente silenciados no ámbito rural. O seu traballo foi exposto en espazos como a Fundación Joan Miró, a Fundación Eugenio Granell, GNRation, o Centro Galego de Arte Contemporánea – CGAC, o Museo do Pobo Galego ou a Trienal de Sarria. Realizou diversas residencias en lugares como Paraíso RPM, Azala, Ao Caraño! ou a Cidade da Cultura. En 2023 recibiu o Premio Auditorio de Galicia para Artistas Noveles por Cruceiro a Santa Librada e demais mártires disidentes, unha obra que reinterpreta a tradición popular desde unha perspectiva queer e de reparación simbólica.

 

Que che parece esta nova?
74 lecturas 0 reaccións

Cando valoras a nova, culturagalega.gal aprende para ofrecerche a ti e outros usuarios con gustos afíns máis contidos de interese.

Axuda a difundir a cultura galega

Do mesmo ámbito

Universos

Explorar o Universo desta nova

Descobre máis noticias relacionadas con Sergio Marey, Santiago de Compostela, Identidade, Fundación Eugenio Granell...