José López Campos e Ángel Miramontes na vitrina de exhibición das moedas
O Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense xa exhibe as seis moedas da colección Orol, logo de seren adquiridas por dereito de tanteo nunha subhasta de Madrid. As moedas exhíbense nos locais nos que o Museo amosa algunhas das mellores pezas da súa colección mentres non se rematan as obras do edificio principal. O conselleiro José López Campos, quen visitou a nova vitrina que alberga as seis valiosas moedas en compañía do director xeral de Patrimonio, Ángel Miramontes, destacou a decisión da consellería de levar a cabo esta adquisición por tratarse de “emisións únicas dun valor excepcional e dunha relevancia incuestionable para o patrimonio cultural da Comunidade”.
As moedas exhibidas son un Tremissis Suevo de Honorio, Tremissis Suevo de Valentiniano, Tremissis Suevo serie Latina Mvnita, Tremissis Visigodo de Wamba, 1/2 de excelente da granada dos Reis Católicos, e 1/2 real de Felipe II. As seis moedas tiveron un valor total de 178.200 euros e trátanse de emisións raras e pouco frecuentes. A máis valorada a nivel simbólico e identitario é a da serie Latina Mvnita, que coa lenda MVNITA GALLICA PAX, se interpreta como unha das primeiras mencións en moeda ao reino de Galicia.


