Volve O Caimán do Río Tea

A banda bravú de Ponteareas saca un novo disco 35 anos despois do seu debut

13/2/2026 | Santiago. Redacción | Seccións: Música
Compartir:

O Caimán do Río Tea é unha formación que se fixo moi coñecida no xa histórico Xabarín Club da TVG dos anos 90. Co seu tema 'Estou na lavadora' acadaron entón gran popularidade e formaron parte fundacional do movemento bravú. En 1995 publicaron 'Feito na Casa' o seu primeiro disco editado por Sons Galiza e gañan o V Certame Galego da Canción editando un EP con cinco temas. Igual que algúns coetáneos como Heredeiros da Crus, o grupo de Ponteareas (de aí o río Tea) ausentouse da escena musical durante algúns anos, volvendo brevemente en 2014 para celebrar o 20 aniversario de 'Estou na Lavadora'. Tras diso tardaron dez anos e foi en 2024 cando sacaron o álbum "Sandsbridge lonely hearts club band", un disco tributo a súa terra, O Condado. Agora, trinta e cinco anos despois do seu debut, e baixo o selo Ferror Records, presentan un traballo longo: 'Vou pa Portujal'.

Este álbum de regreso está conformado por dez novas cancións dominadas pola retranca e o "rock caimán de tres minutos", identidade da banda de Ponteareas que non perde a referencia aos "clásicos". Sen moitas concesións, a veterana formación reivindica o seu Rock Bravú que lles dá identidade con letras que recollen historias, anécdotas e tiran de ironía e enerxía. Aos catro compoñentes fundacionais únese nesta fase Andrés González cos teclados e sons periféricos. Ademais o Caimán contou con varias colaboracións como a de Tonhito de Poi poñendo voces na canción 'Son do Mar' , que tamén conta coa harmónica de Andrés Lamas e David Vázquez (Mooncresta) en 'Debaixo dun carballo', 'Festa do Xamón' e 'Baixando o río Minho'. María Reirís puxo a voz en 'Todas queren seren coma ti' e fixo os arranxos corais en 'Vou a Portujal' e 'Festa do Xamón'. apoiadas pola base rítmica do grupo con poucas concesións as “florituras”. Rock bravú do século XXI. O disco foi gravado en novembro de 2025 nos estudios Lufs de Ponteareas con Damian Mo.

 

Que che parece esta nova?
136 lecturas 0 reaccións

Cando valoras a nova, culturagalega.gal aprende para ofrecerche a ti e outros usuarios con gustos afíns máis contidos de interese.

Axuda a difundir a cultura galega

Do mesmo ámbito

Universos

Explorar o Universo desta nova

Descobre máis noticias relacionadas con O Caimán do río Tea, Bravú, Ponteareas, Xabarín Club...