Helmut Rilling Foto: RFG
Este mércores 11 de febreiro falecía aos 92 anos de idade o director alemán Helmuth Rilling (Stuttgart, 1933), quen foi primeiro director Real Filharmonía de Galicia entre 1996 e 2000. Rilling, como primeiro condutor da formación galega, deixou nela e na cidade de Santiago unha pegada persoal que aínda hoxe se celebra. Considerado como un gran especialista na música de Bach, o alemán fundou a Academia Bach de Stuttgart e no seu paso pola capital galega deixou unha fonda pegada.
Baixo a súa batuta a RFG fixo a súa primeira xira internacional por Alemaña e Austria, sendo a primeira orquestra española en actuar no Grosses Festspielhaus de Salzburgo durante a Semana Mozart. Tamén levou á formación a dúas Exposicións Nniversais en Lisboa e Hannover. A través das súas redes sociais a RFG recollou a noticia do pasamento despedindo con tristeza a quen foi o seu director titular e artístico na súa primeira etapa e do que recoñece que deixou "unha pegada artística e humana inesquecible". Do paso do mestre alemán pola formación, a RFG quere destacar que "o seu rigor, a súa sensibilidade musical e o seu compromiso coa excelencia marcaron unha etapa fundamental na historia da nosa orquestra. Con el medramos, aprendemos e compartimos unha maneira profunda de entender a música", asegura no comunicado público a orquestra.

