María López Sández
A editorial Galaxia anunciou a designación da profesora María López Sández como nova directora da revista Grial, a emblemática publicación de pensamento nacida en 1963. O anuncio foi feito o venres pasado durante a presentación en Santiago de Compostela do número 248 de Grial. López Sández substituirá a Henrique Monteagudo, actual presidente da Real Academia Galega, quen foi codirector da publicación canda Víctor F. Freixanes entre 2003 e 2019 e director desde 2020 a 2025.
María López Sández é catedrática de ensino secundario e profesora de Didáctica da Lingua e Literatura na USC, ademais de académica de número da Real Academia Galega desde 2022. Co ensaio Paisaxe e nación: a creación discursiva do territorio obtivo o Premio Ramón Piñeiro de Ensaio no ano 2007, publicado en 2008 pola editorial Galaxia. A súa investigación céntrase na representación literaria do espazo, a literatura galega, os sistemas de información xeográfica e a obra de Rosalía de Castro, Ramón Otero Pedrayo e Xosé Luís Méndez Ferrín, desde un enfoque sociolóxico e sistémico do feito literario.


