Gonzalo Rei Chao. Fonte: AAAG
A Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG) anunciaba este 10 de febreiro o falecemento do actor Gonzalo Rei Chao. Nado en 1945, este profesional fixérase célebre polo seu traballo no audiovisual galego, onde participou en producións de grande sona como Padre Casares, onde encarnou o padre Crisanto, ou, como actor de dobraxe, a pórlle voz ao Mestre Mutenroi na serie Dragon Ball Z Kai.
Rei Chao, formado na Escola de Artes Escénicas da Estrada da man de Roberto Vidal Bolaño, desempeñou entre outros papeis o de Xervasio no filme Pradolongo, e participou en series como Mareas Vivas, Terras de Miranda ou Libro de familia. No cinema contaba no seu haber con títulos como A praia dos afogados ou Somos gente honrada entre outros. O actor, que faleceu en Ourense, estaba retirado na actualidade.


