No acto de inauguración participaron, ademais do artista, o director xerente de Afundación, Pedro Otero; o presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices; o conselleiro de Cultura, Xosé López Campos; o subdelegado do Goberno na Coruña, Julio Abalde; o director xeral de Cultura, Anxo Lorenzo e a coordinadora da Área de Cultura de Afundación, Marité Cores
A mostra 'A Coruña, arte e textura' reúne na sede de AFundación 29 obras do artista Raúl Velloso (Cangas do Morrazo, 1965), 25 delas creadas para a ocasión nun proceso que levou a cabo no último ano. Velloso, tamén coñecido como «o pintor dos edificios viventes», é identificado polo seu estilo curvilíneo na interpretación das edificacións. Entre os traballos que exhibe na súa exposición na Sede da Obra Social de ABANCA, poden verse as súas diferentes interpretacións de edificios emblemáticos da cidade herculina, que conviven con temas e figuras de tempos afastados e latitudes distantes, enriquecendo unha mostra na que a clave está na convivencia dos distintos elementos.
Esta exposición é a primeira do artista na cidade da Coruña, aínda que xa tivo outras en Galicia, a primeira delas en Vigo, e tamén exhibiu as súas obras en Catalunya, Mallorca, Suíza, Portugal e París. A súa é unha traxectoria atípica xa que comezou a pintar cando tiña preto de 30 anos dun xeito autodidacta. Velloso fixo en 2004 a súa primeira gran exposición en Galicia, na actual Sede Afundación en Vigo. Tres das súas obras forman parte da Colección de Arte Afundación. Influído polo post cubismo, o Dad, e Fernand Léger, a obra de Velloso é recoñecida pola súa execución, con modos de bordado de tapiz, en superficies compartimentadas e contrastantes de cor. A exposición de Raúl Velloso na Sede de Afundación está chea de chiscadelas ao patrimonio urbano da Coruña. O público poderá ver igrexas, zonas emblemáticas e tres interesantes interpretacións da Torre de Hércules. Ademais, recupera unha das temáticas da súa obra, as geishas, como un tributo á industria téxtil.



