A Historia Vaxenial é un espectáculo teatral que se atopa a medio camiño entre unha comedia historicista e un evento feminista, entre unha veraz conferencia pedagóxica e un monólogo confesional. Iván Marcos e Raquel Nogueira asinan o texto para esta montaxe na que el dirixe e ela, sobre o escenario, fai un percorrido pola historia da humanidade para investigar como se representaron os órganos sexuais da muller e analizar como esta representación, ou omisión, estivo emparellada á desconsideración da muller e ao seu lugar no mundo. O Teatro Rosalía de Castro na Coruña acolle este venres, 6 de febreiro, a representación de estrea desta obra que en 2024 acadou o VI Premio Luísa Villalta a proxectos pola Igualdade da Deputación da Coruña.
A Historia Vaxenial segue o ronsel xerado por Historias Vageniales, a exitosa serie web creada pola mesma autora, gañadora dun Premio Mestre Mateo e cuxos episodios foron vistos por centos de miles de persoas. A obra comparte información didáctica contrastada e con perspectiva de xénero a través da ironía, o desenfado, a retranca e o humor. A peza preséntase como un festival de risas e sorpresas que dá luz sobre multitude de cuestións que permaneceron ocultas ás mulleres e que teñen como centro o seu propio corpo e identidade. Posteriormente o 6 de marzo poderá verse no Teatro Principal de Santiago de Compostela


