Está xa a chegar ás librarías a entrega 248 da revista Grial. A publicación da editorial Galaxia ten como eixe a comunicación e as novas tecnoloxías, e recolle os contidos que se presentaron no Foro Grial - Galicia 2050, que se celebrou o pasado outubro de 2025 dentro das celebracións polo 75 aniversario da editora.
Dentro deste tema, o volume recolle os artigos "Oportunidades e desafíos para a cultura galega na nova Internet. Da MetaGalicia á intelixencia artificial" de Manuel Gago, "Galicia online. Repensar a identidade cultural fronte á omnipresenza dixital" de Silvia Vázquez Lorenzo, "Os medios galegos no ámbito dixital. O reto da relevancia social na cultura do algoritmo" asinado por María Yáñez, e "Galicia: cara a unha nación dixitalmente soberana", de Alberto Quian Pampín.
A estes textos súmanse outros contidos como as "Tres cartas de Castelao a Rodolfo Prada (1937 e 1939)" que publica Henrique Monteagudo. Serxio María, pola súa banda, presenta "A supervivencia do franquismo. 1939-1955" e Xavier Castro achega "O quefacer das mulleres". O número inclúe tamén un texto de Teresa Seara sobre "O legado poético de X. L. Franco Grande" e as seccións habituais da cabeceira.
A libraría Couceiro, en Santiago de Compostela, acolle ás 19 horas deste 5 de febreiro acto de presentación da nova entrega. Participarán no encontro a directora da publicación, María López Sández, Henrique Monteagudo, presidente da RAG; e os coordinadores do Foro Comunicación e novas tecnoloxías, Llerena Perozo e Víctor F. Freixanes, canda ao director de Galaxia Xosé M. Soutullo.




