Jose Luís Baños de Cos faise co I Premio Castelao de Textos Teatrais

Vórtice Teatro estrea na Coruña o texto Cámara escura, deste mesmo autor

30/1/2026 | Santiago. Redacción | Seccións: espectáculosteatro
98 lecturas | Compartido 0 veces

José Luís Baños de Cos. Fonte: Editorial Galaxia

A Deputación de Pontevedra daba a coñecer este 29 de xaneiro o fallo do I Premio Castelao de Textos Teatrais. A obra Khora, de José Luís Baños de Cos, foi seleccionada como gañadora desta xeira e reportaralle ao autor os 12.000 euros en metálico con que está dotado este galardón ademais da publicación da obra.
O xurado, composto por "cinco persoas de recoñecido prestixio e traxectoria nos eidos da literatura, o teatro, a docencia e as institucións culturais", segundo apunta a Deputación, seleccionou por unanimidade o texto do autor entre as 43 propostas que se presentaron ao certame. O fallo destaca "a temática social, que amosa problemas do noso tempo; a calidade na escrita reflectida a través dos diálogos e da caracterización das personaxes; e a axilidade da súa estrutura".

A coincidir con este galardón, o día 30 chega ás táboas por vez primeira Cámara escura, outro texto deste autor. A compañía Vórtice Teatro representa no Fórum Metropolitano da Coruña esta proposta, que trata a cuestión do ciberacoso entre adolescentes. Sara Rey Seoane dirixe esta proposta, que conta con Andrea Blanco Dios, Ana San Fernando e Marcos Grandal Tojeiro sobre o escenario.

Universo culturagalega.gal

Universo

Explora o Universo

Pincha para ampliar esta historia
no seu contexto cultural galego