Miguel Rodríguez Monteavaro faise co XXII Premio de Poesía Afundación

A obra Cortar pescado en Manila reportaralle 7.000 euros ao profesor asturiano

| Santiago. Redacción | Seccións: Literatura
Compartir:
Miguel Rodríguez Monteavaro. Fonte: Impronta Editorial

Miguel Rodríguez Monteavaro. Fonte: Impronta Editorial

O xurado do Premio de Poesía Afundación daba a coñecer na tarde deste 30 de setembro o fallo da vixésima segunda xeira deste galardón. O poemario Cortar pescado en Manila, do asturiano Miguel Rodríguez Monteavaro, foi seleccionado como vencedor desta edición. O premio reportaralle ao seu autor 7.000 euros en metálico, ademais de ser publicado na colección "Arte de trobar".

O xurado, que seleccionou esta obra entre os 32 orixinais que se presentaron ao certame, apuntou que o texto presenta "un interesante percorrido formal que emprega con habelencia o efecto de distanciamento para tratar temas próximos como a realidade laboral, o amor, a violencia..., pero tamén toda a beleza que se pode atopar neses ámbitos. Desde o punto de vista poético, o autor manexa con habelencia o ritmo lírico e narrativo para crear un texto unitario".

O comité de selección estivo composto por Héitor Mera, Inma López Silva e María Neves Soutelo como representantes vogais e profesionais da escrita; o escritor Xabier Castro Martínez como secretario e Luís González Tosar, presidente do Centro PEN de Galicia a actuar como presidente.

Afundación e o Centro PEN de Galicia, co patrocinio da Xunta de Galicia, convocan este galardón. Rodríguez Monteavaro, nado en Oviedo, é profesor da universidade desta cidade e ten recibido diferentes galardóns en Asturias pola súa actividade literaria, que desenvolve tanto en asturiano como na variante oriental do galego.

Que che parece esta nova?
103 lecturas 0 reaccións

Cando valoras a nova, culturagalega.gal aprende para ofrecerche a ti e outros usuarios con gustos afíns máis contidos de interese.

Axuda a difundir a cultura galega

Do mesmo ámbito

Universos

Explorar o Universo desta nova

Descobre máis noticias relacionadas con Afundación, Poesía, Luís González Tosar, Centro PEN de Galicia...