Foto: USC
Ramón Villares é catedrático emérito da Universidade de Santiago de Compostela e unha das figuras referentes para os estudos históricos e da cultura galega en Galicia. Villares protagonizou onte o acto simbólico de entrega das 66 caixas de documentación persoal que dan conta da súa actividade investigadora, docente e xestora ao longo de cincuenta anos de carreira profesional. Deste xeito, Villares entregou "tanto os traballos de investigación propios e tutelados nos que participou —acompañados de referencias, textos, fichas e reproducións de numerosas fontes documentais—, como os relativos á súa actividade como docente —fichas de estudantado, asistencias a congresos, artigos e diverso material docente—. Así mesmo, tamén forma parte deste arquivo persoal a documentación relativa á súa etapa como reitor da USC, entre outros documentos vinculados non só á súa traxectoria profesional na Universidade senón tamén a outras institucións culturais galegas e do resto do Estado".
Villares cursou estudos na Facultade de Filosofía e Letras, na rama de Historia, onde se licenciou no ano 1973 e se doutorou con premio extraordinario en 1980 coa tese A evolución das estruturas agrarias na provincia de Lugo. Propiedade e rendas da terra que realizou baixo a dirección do tamén recoñecido profesor Antonio Eiras Roel.
En 1987, Ramón Villares convértese en catedrático de Historia Contemporánea da USC, institución da que tamén foi reitor durante o período 1990-1994. A súa traxectoria vincúlase a través dos anos a cargos como o de director do Arquivo da Emigración Galega e presidente do Consello da Cultura Galega, membro da Real Academia de Galicia, do Padroado do Museo do Pobo Galego e do Instituto de Estudos ‘Padre Sarmiento’, ou secretario da súa sección de Xeografía e Historia. Así mesmo, tamén foi membro fundador e presidente da Asociación de Historia Contemporánea, así como director en Galicia da Universidade Internacional Menéndez-Pelayo.
