O Salón do Libro homenaxeará a Luz Gallego e a Manuel Bragado

O acto de conmemoración da libreira e o editor celebrarase o vindeiro 21 de marzo

29/1/2026 | Santiago. Redacción | Seccións: literatura
107 lecturas | Compartido 0 veces

Manuel Bragado, Demetrio Gómez e Luz Gallego na presentación da homenaxe. Fonte: Concello de Pontevedra

A libreira Luz Gallego Nenuca e o editor Manuel Bragado recibirán o vindeiro 21 de marzo a homenaxe do Salón de Libro de Pontevedra. O Concello acollía onte a presentación das figuras que protagonizarán neste 2026 esta celebración, que quere lembrar deste xeito a representantes dos dous estremos da cadea do libro. O Salón celebrará a súa edición número 27 entre o 6 e o 22 de marzo.
Segundo salientou o concelleiro Demetrio Gómez, "hai toda unha cadea de traballo que probablemente comece nas editoriais e remate nas librarías, e por iso temos a Luz Gallego, Nenuca, que é como a coñecemos todos, que en Pontevedra é unha referencia. Nela premiamos moitísimas cousas: transformou xunto a Tito unha libraría case técnica nunha libraría de referencia. Homenaxeamos nela as librarías que barrio, que poden escoller por nós, que son que de escolmar entre unha morea de libros e fan ese traballo libro, as prescriptoras que recomendan con criterio. Pero tamén á persoa que escribiu no Diario de Pontevedra, organizou feiras do libro e colaborou no Salón desde o primeiro día sempre con xenerosidade, que nunca deixo de formarse e aínda está na universidade é un exemplo para todas e todos nós".

Ademais, "no outro extremo da cadea, ao comezo de todo, está a figura do editor, Manuel Bragado, que neste caso é moitísimas cousas. É case imposíbel resumir o que este home leva feito como editor, como mestre implicado nos movementos de renovación pedagóxica ou incluso como activista cultural coordinando multitude de proxectos. Pero como editor, si quero dar o nome de catro autores e autoras dos que foi editor para ver a importancia que ten na literatura xuvenil: Fina Casalderrey, Agustín Fernández Paz, Xabier Docampo e Ledicia Costas. É unha figura capital na literatura galega e por iso queremos homenaxeala".

Universo culturagalega.gal