Seteventos: un podcast do CCG para explorar as conexións entre Galicia e o mundo

Os episodios poden xa descargarse nas principais plataformas

27/1/2026 | Santiago. Redacción | Seccións: Historialiteraturaarte
215 lecturas | Compartido 0 veces

O Consello da Cultura Galega presentou esta maña o podcast Seteventos, unha serie de sete episodios que explora a relación da cultura galega con outras culturas, territorios e países. Coa metáfora dos sete ventos máis frecuentes en Galicia, o podcast percorre a Bretaña e as Illas Británicas, Portugal, Europa central, Madrid, o Mediterráneo e Asia, os Estados Unidos, Cuba ou México, para rematar na Arxentina e Uruguai. Gabri Fuentes e David Gesteira (do podcast Descifrando a Historia) son os responsables de compoñer este relato de sete episodios nos que se combinan ficcións sonoras, entrevistas, voces, músicas e dramatizacións procedentes do inxente contido dixital dispoñible no web do Consello da Cultura Galega. A presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez, sinalou que estas iniciativas queren "situar a Galicia no centro do mundo", tirando proveito da posición estratéxica do país e da súa dilatada historia.
Segundo Manuel Gago, coordinador do proxecto, o obxectivo é "facer visible o inmenso legado dixital do web do Consello da Cultura Galega, no que as relacións internacionais están moi presentes, como característica propia da cultura galega desde a época da xeración Nós". De feito, cada episodio de Seteventos está vinculado con accesos directos aos recursos dixitais dos que se falan nos episodios. Gago explicou que o Consello da Cultura Galega entende a innovación dixital non só como apostas tecnolóxicas senón en adaptar os contidos aos formatos que usa a xente. "Nestes momentos hai unha gran demanda do público galego por contidos sonoros de calidade", explicou.

Os sete episodios xa están dispoñibles en Agora, a plataforma de audio do Consello da Cultura Galega, e nas plataformas habituais de streaming, como Spotify, iVoox ou Youtube. As ilustracións dos episodios son de Andrea López.

Universo culturagalega.gal

Contextos

Claves