Un novo repositorio permite un acceso doado a horas de contido audiovisual e sonoro producido polo Consello da Cultura Galega. Desde series documentais ata concertos e mesmo dramatizacións sonoras que permiten coñecer a historia do teatro, os traballos das mulleres na costa e na minería, escoitar concertos ou viaxar coa cultura galega a diferentes países. O Arquivo Multimedia do Consello da Cultura Galega reúne as producións audiovisuais e sonoras producidas pola institución en colaboración con destacadas produtoras e realizadores do noso país.
Son case cen episodios en total de 25 producións entre os que destacan as dramatizacións de obras de teatro como La Camisa, de Lauro Olmo (1962), da Farsa das Zocas de Ricardo Carvalho Calero, das Mulleres do Porvir, de Dorotea Bárcena ou A Lindona de Galicia. Entre os documentais, podemos coñecer a vida de Julio Camba, da man de Aser Álvarez, ou sobre os traballos das mulleres, dirixidos por Encarna Otero. O documental Aquí medra a lingua, de Cristina de la Torre, describe como diferentes escolas por todo o país innovan no uso e difusión da lingua galega. A relación entre tradición e innovación, ou entre estilos foráneos e propios na música galega trátase en Trad music: crossing borders. En suma, un amplo conxunto de producións ás que se irán engadindo nas vindeiras semanas outros documentais do arquivo.




