A Camisa: cinco episodios sonoros para unha historia de pobreza e exilios

O CCG publica unha adaptación sonora da obra emblemática de Lauro Olmo

O CCG publica unha adaptación sonora da obra emblemática de Lauro Olmo
A Presidenta do Consello da Cultura Galega presentou esta mañá, canda o alcalde do Barco de Valdeorras, a adaptación sonora de A Camisa, unha das máis significativas obras do dramaturgo barquense Lauro Olmo, e estreada en Madrid, no Teatro Goya en 1962. Pero a versión en galego producida pola Quinta do Cuadrante para as dúas institucións ten aínda outro novelo. Foi traducida na Arxentina polo galeguista Ramón de Valenzuela, un destacado representante da cultura e política galegas no exilio, e interpretada polo Ateneo da Federación de Sociedades Galegas. A escolla non era casual: a obra de Lauro Olmo era moi comprometida socialmente. Falaba da vida nunha barriada de chabolas e representaba a marxinalidade existente na capital de España en pleno franquismo. Da outra volta, Valenzuela militaba en organizacións de esquerda e na oposición á dictadura de Franco. A camisa consta de cinco episodios que se emitirán no web do CCG cada venres a partir de hoxe e que tamén se poden escoitar nas principais plataformas de podcasting.

Escoita o primeiro episodio