A Fundación DIDAC presenta unha mostra co legado de Pepe Barro

'O arquivo de Barro' fai un percorrido pola traxectoria dun deseñador esencial nas pasadas cinco décadas

16/1/2026 | Santiago. Redacción | Seccións: Arte
80 lecturas | Compartido 2 veces

Foto: Fundación DIDAC

A Fundación DIDAC presenta hoxe ás 19:00 a mostra 'O arquivo de Barro' unha exposición baseada no arquivo do deseñador galego, Pepe Barro, depositado na Fundación DIDAC dende 2024. Esta mostra preséntase como unha oportunidade única para coñecer o legado dun deseñador cuxo impacto no recoñecemento das formas visuais propias da nosa cultura é indubidable dende os comezos da súa traxectoria profesional na década dos setenta ata hoxe. A exposición está comisariada por Mónica Maneiro Jurjo, Gemma Mora e María Valcárcel Maceira.
'O arquivo de Barro' é unha exposición diferente, capaz de reflectir a importancia do seu legado e a singularidade do seu arquivo, na que se amosan os distintos ámbitos nos que desenvolveu a súa traxectoria profesional. No percorrido por esta historia particular do deseño galego pódense ver proxectos de gran relevancia, entre os que se atopan o deseño para A nosa terra, Nós Diario ou Diario de Galicia. O deseño editorial é tamén un dos eixos centrais da traxectoria de Pepe Barro, como foi a colaboración do Grupo Revisión Deseño coa Editorial Xerais que deu lugar a traballos destacados como as Edicións de Peto Xerais ou a colección Galicia Enteira. Pepe Barro iniciou a súa actividade profesional no 1973. A súa traxectoria estivo marcada por unha constante evolución e por unha dobre busca: a da súa identidade propia como deseñador e a dunha identidade gráfica para Galicia.

O arquivo está conformado por debuxos orixinais, cadernos de traballo gardados durante máis de cincuenta anos de traxectoria, manuais de identidades corporativas orixinais, aplicacións gráficas en múltiples formatos, pezas multimedia, pósters, exemplares de deseño editorial, proxectos museográficos, ilustracións, cabeceiras e traballos para medios de prensa, gravados e pranchas dos mesmos, pezas de carácter artístico e experimental, así como material de arquivo persoal do deseñador que inclúe textos e reflexións, fotografías e proxectos non realizados. A mostra estará en exhibición na sede da Fundación DIDAC en Santiago de Compostela ata o vindeiro 24 de abril. Esta non é a primeira exposición de materiais do legado de Pepep barro, que fai a Fundación Didac. En 2023 presentou na mostra 'A cociña de Barro', materiais relacionados cos procesos creativos do deseñador.
Ligazóns externas

Universo culturagalega.gal

Contextos

Claves