Imaxe da Torre de Torán Foto: Patrimoniogalego.net
Un ano despois de expresar o seu interese na adquisición da Torre de Torán, o concello ourensán de Taboadela puido pechar este decembro a compra do terreo onde se atopan os restos desta edificación medieval declarada Monumento Histórico Artístico do Estado en abril de 1949 pasando á consideración de Ben de Interese Cultural de Galicia en 1994 coa transposición á normativa autonómica. Pola cantidade de 5.000 euros o consistorio fíxose coa propiedade que estaba en mans privadas e amosaba un preocupante deterioro que a colocaba na Lista Vermella de Patrimonio.
Unha vez pechada esta fase de adquisición do único BIC co que conta o municipio, agora desde o concello ponse en marcha un plan para levar a cabo a recuperación e posta en valor deste BIC, que está datado entre os séculos XIII e XV como única parte conservada dun castelo existente no lugar. Algúns estudios consideran que arestora conserva a metade da súa altura orixinal. Polo de agora o concello prevé destinar en dúas anualidades un total 122.205,72 euros destinados á prospección arqueolóxica e estudo do monumento, así como a limpeza superficial de vexetación e acondicionamento da contorna e levantamentos planimét6ricos e topográficos.



