A Xunta recoñece as 'Torres de Cillobre' como BIC

Os restos da fortaleza medieval foron adquiridos o pasado ano polo concello da Laracha

30/12/2025 | Redacción: Santiago. Redacción | Seccións: Patrimonio
52 lecturas | Compartido 0 veces

Alcalde e concelleiros da Laracha na torre trala expropiación. Foto: concello da Laracha

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a declaración como Ben de Interese Cultural (BIC) das Torres de Cillobre, os restos dunha fortaleza medieval localizados no concello da Laracha. Na actualidade unicamente se conserva unha parte do muro perimetral e da antiga vivenda da fortaleza do século XIV. O monumento, que foi incorporado ao Plan Especial de Patrimonio Cultural do Concello, aparece representado no escudo municipal.
En 2022 a Lista Vermella que elabora a asociación Hispania Nostra recolleu este ben como un elemento patrimonial en perigo. A designación indica que a fortificación é un ben inmoble de interese "arquitectónico, arqueolóxico e histórico". O pasado ano, 2024, o concello da Laracha adquiriu este ben patrimonial, a través dun longo proceso de expropiación. Trátase dunha propiedade de 2655 metros cadrados que inclúe a única torre existente das dúas que tiña o pazo, a casa de labranza adosada a ela, un muro perimetral e un hórreo. A adquisición tivo un custe de 54.000 euros e foi levada a cabo tras dez anos de xestión da expropiación, xa que estaba prevista no plan de patrimonio municipal aprobado en 2014. O obxectivo do concello é destinar a propiedade, unha fortaleza documentada na Baixa Idade Media e con usos pacegos posteriores, a usos culturais.

Universo culturagalega.gal

Contextos

Claves