Colectivo Glovo estrea 'Alén' no Teatro Ensalle

A nova creación da compañía de danza contemporánea é unha coprodución co Centro Coreográfico Galego

15/1/2026 | Santiago. Redacción | Seccións: DanzaEspectáculos
79 lecturas | Compartido 1 veces

Este venres estréase no teatro Ensalle de Vigo, ALÉN, unha creación escénica de danza contemporánea que asina o Colectivo Glovo formado por Esther Latorre e Hugo Pereira. A peza, interpretada por 4 bailaríns, parte do desexo de habitar o límite. Explora o "máis alá" non como destino, senón como proceso: o momento no que algo remata, pero o novo aínda non tomou forma. Propón unha vivencia poética e sensorial dese espazo intermedio, dese territorio suspendido onde a identidade se disolve para volver xurdir, transformada.
A propia autora da coreografía, Esther Latorre, xunto con Paula Urquijo, Xián Martínez e Marc Fernández son os intérpretes desta proposta que se presenta como "moi dinámica e física, cunha enerxía que se mantén en fluxo continuo", creando un tecido escénico en permanente cambio. O espectáculo forma parte do catálogo de coproducións do Centro Coreográfico galego da Axencia Galega de Industrias Culturais (AGADIC) e conta co apoio de Concello de Lugo; Concello de Ames; Seattle International Dance Festival; Teatro de Vila Real (Portugal); Auditório Municipal de Macedo de Cavaleiros (Portugal); El Palacio. Residencias Artísticas y Acción Cultural de Gijón. Estará en cartel ao longo da fin de semana na sala viguesa desde o venres, día da estrea, ata o domingo ás 20:00 horas.
Ligazóns externas

Universo culturagalega.gal