A primeira fanzinoteca itinerante de Galicia inicia a súa andaina

O IES Leiras Pulpeiro de Lugo acollía o 12 de xaneiro a estrea do Gabinete de Autoedición Ambulante

13/1/2026 | Santiago. Redacción | Seccións: banda deseñadaarteliteratura
128 lecturas | Compartido 0 veces

Gabinete de Autoedición Ambulante. Fonte: Instagram de Vaia Vaia

A asociación luguesa Vaia Vaia, responsable do encontro anual de autoedición da Cidade da Muralla do mesmo nome, comeza 2026 cunha nova proposta. O Gabinete de Autoedición Ambulante pretende achegar o mundo dos fanzines e das obras autopublicadas a novos públicos na forma dunha fanzinoteca itinerante que pon a disposición do público un cento de títulos en cada unha das paradas que realice esta iniciativa.
O proxecto, que se presenta como "un arquivo aberto e plural de fanzines que medrará grazas ás doazóns de artistas, fanzineires e persoas interesadas" facía este 12 de xaneiro a súa primeira parada no IES Leiras Pulpeiro. Para alén de permitir a consulta de publicacións tanto galegas como foráneas, o proxecto compleméntase coa realización de obradoiros en cada lugar polo que pase, coa intención de traballar cuestións da propia zona e crear un fanzine colaborativo que se incorporará ao propio catálogo do Gabinete.

Con esta proposta, a asociación quere dar a coñecer as posibilidades da autoedición e as ferramentas que a fan posible en "asociacións culturais, de veciños, casas da cultura, centros sociais, espazos e lugares de calquera índole", cun especial foco en ámbitos rurais. As entidades interesadas poden contactar coa asociación promotora vía correo electrónico.

Universo culturagalega.gal

Contextos

Claves