O escritor palestino Basim Mohammad Saleh Adeeb Al-Khandaqji
O escritor palestino Basim Mohammad Saleh Adeeb Al-Khandaqji (1983) recibirá o recoñecemento da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) como Escritor Galego Universal en 2026, como "mostra de admiración e profundo respecto pola súa persoa e polo traballo desenvolto na defensa da literatura e a dignidade nacional de Palestina", segundo comunica a AELG. Al-Khandaqji ten numerosa obra de narrativa e poesía publicada, a súa novela 'Unha máscara da cor do ceo' foi galardoada co Premio Booker Internacional de Novela Árabe en 2024. Conta con numerosos artigos publicados en sitios literarios electrónicos e en redes sociais. Ten tamén unha páxina secundaria no sitio web Al-Hiwar Al-Mutamaddin, que contén máis de corenta artigos políticos, literarios e en prosa, ademais dunha serie de artigos sobre a realidade do movemento de prisioneiros. O escritor foi liberado no marco do último acordo de intercambio de prisioneiros con Israel.
