Xosé Manuel Beiras recibirá a homenaxe Escritor na súa Terra - Letra E

A Asociación de Escritoras/es tamén recoñeceu a palestina Shahd Wadi como Escritora Galega Universal

A Asociación de Escritoras/es tamén recoñeceu a palestina Shahd Wadi como Escritora Galega Universal
Xosé Manuel Beiras e Shahd Wadi. Fonte: AELG
A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) celebrou este sábado 1 de marzo a asemblea anual na que escolleu os nomes que recibirán os seus galardóns anuais. A entidade acordou outorgarlle o recoñecemento Escritor na súa Terra – Letra E ao político e economista Xosé Manuel Beiras.

A AELG destaca do autor "dentro da súa extensa traxectoria vital, a súa faceta como ensaísta e tradutor, así como a súa xenerosa colaboración coa AELG, sendo parte do Consello Directivo da Asociación entre 1982 e 1986". A homenaxe está previsto que se desenvolva o vindeiro mes de xuño coa entrega da peza escultórica do galardón, a plantación dunha árbore simbólica e a colocación dun monólito conmemorativo.

Canda a el, a asemblea aprobou o recoñecemento da escritora palestina Shahd Wadi como Escritora Galega Universal deste ano. O nomeamento realízase "desde o profundo respecto e afecto á súa persoa e a valoración da alta calidade da súa obra, así como por defender a dignidade nacional de Palestina e os dereitos individuais e colectivos da súa poboación, nomeadamente desde perspectivas feministas". A autora recollerá o seu Premio Honorífico no marco da Gala dos Premios Follas Novas do Libro Galego 2025, prevista para o vindeiro mes de maio.

Ademais dos galardóns, a entidade aprobou o seu programa de actividades para 2025. Logo da celebración do Día de Rosalía este mes de febreiro, ao longo do ano continuarán propostas como os paseos literarios, a Gala dos Premios Mestres e Mestras da Memoria ou a XVIII Xornada de Literatura de Tradición Oral, ademais dunha nova edición das Xornadas da Sección de Literatura Dramática. Santiago de Compostela acollerá, ademais, unha nova xeira do Encontro Galeusca o vindeiro mes de xuño. A AELG adiantou tamén a súa intención de abordar "as diversas maneiras de tratar o impacto da Intelixencia Artificial na creación escrita" ao longo deste ano.