Xosé Manuel Martínez Oca recibirá a homenaxe O/A Escritor/a na súa Terra

A celebración que promove a AELG desenvolverase na Estrada o 18 de xuño

A asemblea da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG), acordou por unanimidade dedicarlle a décimo oitava homenaxe O/A Escritor/a na súa Terra a Xosé Manuel Martínez Oca. Deste xeito, a localidade da Estrada acollerá o vindeiro 18 de xuño os actos de celebración, que inclúen, como é habitual, a entrega do galardón Letra E e mais a plantación da árbore simbólica elixida polo propio autor e a colocación dun monólito conmemorativo, que se situarán na Casa das Letras.

No acto de entrega, que se desenvolverá no Teatro Principal, intervirán José Carlos López Campos, Alcalde da Estrada, Beatriz Maceda Abeleira, vicepresidenta da AELG, e Cesáreo Sánchez, presidente da entidade. Carlos Loureiro encargarase da laudatio do homenaxeado que á súa vez intervirá como feche do acto.

Segundo apunta a organización, o autor é "un profundo representante desa etapa da nosa literatura do último cuarto do século XX, moi especialmente nos momentos da posditadura, que supuxo un rexo elo na evolución e modernización da nosa arte literaria", e recoñece que "a partir dos anos 80 Xosé Manuel Martínez Oca será un referente esencial e inmorredoiro da nosa narrativa, cos máis variados premios e recoñecementos".

A Asociación de Escritores lembra que "esta iniciativa anual conforma xa unha tradición na traxectoria da Asociación, e tense constituído ao longo de máis de dúas décadas como unha celebración na que a terra de acollida do/a homenaxeado/a ten unha presenza fundamental. É vontade da AELG honrar escritores/as procurando o contacto directo co/a autor/a e a súa implicación persoal na xornada de homenaxe".